Escoitar

Bouzas será un dos temas escollidos para o maratón fotográfico do Concello de Vigo

venres, 19 xul 2002
imx1681.jpg
Programa
A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Isaura Abelairas, presentou o VII maratón fotográfico Concello de Vigo, que se celebrará o vindeiro domingo 21 de xullo. Os participantes deberán fotografiar catro temas, dous deles son ”Barrios de Vigo: Bouzas”, barrio de contrastes e mercados. Os outros dous serán facilitados pola organización no control.

Os participantes deberán presentarse ás 11:00 na praza do Rei para realizar o control de saída, onde se lles entregará cadansúa película con 12 fotos, o seu número de identificación e unha camiseta conmemorativa que deberán vestir durante o transcurso do maratón.

Tódalas fotografías deberán realizarse dentro dos límites do Concello de Vigo. No maratón poderán participar todas aquelas persoas que formalicen a súa inscrición na Agrupación Fotográfica Galega cun abono de 6 euros e un número máximo de 200 participantes seguindo a orde de inscrición.

Os premios para os gañadores serán de 900 euros para o primeiro premio, 600 para o segundo e 300 para o terceiro. Tamén haberá tres accésits de 150 euros cada un deles.

O xurado de cualificación, tras unha primeira selección valorará as fotos preseleccionadas e estará composto pola concelleira de Festas e Animación Sociocultural e cinco vocais de recoñecido prestixio dentro do mundo da fotografía e da arte. Coas fotografías seleccionadas realizarase unha exposición no museo de Castrelos.
Descargar todas as imaxes