Escoitar
O artista italiano actuará o 15 de xuño no auditorio do Parque de Castrelos de Vigo

As entradas para o concerto de Zucchero poden adquirirse desde hoxe

mércores, 5 xuñ 2002
As entradas para o concerto que Zucchero dará o 15 de xuño no auditorio do Parque de Castrelos poden adquirirse desde hoxe en A Coruña (Centro comercial Cuatro Caminos), Santiago (Discos Láser) e Vigo (La Columna, Discos Gong, e Central de Espectáculos) ó prezo único de 6 euros.

A actuación do artista italiano será unha das que dará o pistoletazo de saída ó amplo programa de espectáculos organizados con motivo das Festas do Cristo da cidade, e será a única que Zucchero ofrecerá este ano en Galicia.

Con este concerto, o cantante presentará ó público galego o seu último traballo titulado “Shake”, para o que contou coa participación de grandes voces negras, como as de John Lee Hooker, Arthur Miles ou Chance, algunhas das cales participaron na gravación de discos espirituais e gospel dos anos 50.

Durante a súa actuación en Vigo, Zucchero será teloneado polo cantautor cubano Athanai, que foi calificado por diversos críticos como o líder incontestable do movemento do novo rock da illa.

Adelmo Fornaciari, bautizado como Zucchero por un dos seus mestres, naceu en Roncocesi no ano 1955 e iniciou a súa carreira musical nos anos 70 coa formación dos seus primeiros grupos, “Le nuove luci”, “Sugar&Daniel”, e “Sugar&Candies”.

Desde entón editou ó menos 16 álbums e popularizou temas como “Senza una donna”, que o artista gravou con Paul Young, “Bambino yo, bambino tu”, ou “Baila (sexy thing), incluído no seu último traballo, que actualmente está soando forte nas pistas de baile.