Escoitar

Bembrive disporá dun sistema de telexestión para detectar avarías do alumeado público

martes, 4 xuñ 2002
imx1507.jpg
Vieites, Comesaña e Castrillo
O alcalde, Lois Castrillo, e o alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Bembrive, Carlos Comesaña, asinaron un acordo de colaboración para mellorar a iluminación pública na parroquia de Bembrive. O Concello investirá 129.000 euros e a entidade local 42.070 euros.

Segundo o inventario elaborado pola Concellería de Electromecánicos, a parroquia de Bembrive dispón de 1.308 puntos de luz. O pasado ano, o departamento de Electromecánicos tivo que realizar 1.155 reparacións en Bembrive. Ese número verase reducido trala modernización da rede. Ademáis, a instalación dun novo sistema de telexestión que detecta as avarías permitirá que se poidan arranxar antes de que se produzan as reclamacións. Na actualidade, este sistema está instalado en 47 lugares de Vigo e proximamente a zona de Bembrive disporá deste servicio.

O programa de mellora do alumeado en Bembrive suporá a substitución de 740 puntos de luz provistos de luminarias abertas con lámpadas de VMCC 80 watios, que non funcionan correctamente debido ao deficiente subministro eléctrico, por outras luminarias pechadas e máis modernas con maior rendemento lumínico e menos consumo. Esta nova instalación de alumeado público en Bembrive contribuirá ao coidado do medio ambiente mediante a reducción do gasto enerxético e a diminución da contaminación lumínica.

A vindeira semana comezarán as obras de adecuación de instalacións para a mellora dos niveis de iluminación, reforzo das liñas de subministro de enerxía eléctrica, integración de centros de mando e melloras no centro de mando final na parroquia de Bembrive. As actuacións realizaranse na estrada de Bembrive, nos camiños da Capela, da Cruz e do Carballal cun presuposto de obra de 82.060 euros e outro proxecto contempla os camiños de Eifonso e Espedras, rúa da Igrexa e estrada de Bembrive, cun presuposto de 47.466 euros, sumando un investimento total de 129.627 euros. A isto tense que engadir a man de obra necesaria para a colocación das luminarias que a Entidade Local Menor de Bembrive subministraralle ao Concello de Vigo.

Descargar todas as imaxes