Escoitar

A colaboración do Concello no catastro permite incluír novos contribuíntes nos padróns fiscais

luns, 3 xuñ 2002
A colaboración emprendida nos últimos meses polo Concello coa Xerencia Territorial do Catastro permitiu incluír nos padróns fiscais municipais un bo número de contribuíntes que non estaban dados de alta ata agora. A Comisión de Goberno aprobou hoxe os Padróns da Taxa de Lixo-Vivendas e de Exaccións Unificadas Industriais de 2002. Estes listados serán sometidos a exposición pública durante 15 días, procedemento que terá o efecto de notificación das cotas consignadas para cada un dos contribuíntes.

O padrón da taxa de lixo-vivendas deste ano ten 117.271 inscricións, 2.825 máis ca o ano anterior. A meirande parte das altas, 2.202, corresponden a vivendas de nova construcción. As restantes obtivéronse a partir da investigación realizada polo Concello. O Concello recadará polo cobro destes recibos 7.186.740 euros. 2.111 familias estarán exentas do pagamento desta taxa por ter ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional.

No caso do padrón de exaccións unificadas industriais tamén se produciu este ano un notable incremento. Rexistráronse 2981 altas, a meirande parte incluidas a partir de información extraida do Padrón do Imposto sobre Actividades Económicas. O número de recibos de E.U.I. que emitirá en 2002 o Concello é de 16.815. O seu importe total é de 4.729.307 euros, que corresponden á taxa de lixo industrial, a de entrada de vehículos e as reservas de aparcamento.

O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, afirmou que o Concello continuará co proceso de inspección e cotexo de datos coa Xerencia Territorial do Catastro co obxectivo de actualizar os padróns e conseguir que todos os contribuíntes cumpran coas súas obrigas fiscais.