Escoitar
Entrega de premios da 8ª edición do concurso de debuxo de aqualia

O Concello e aqualia animan aos nenos a fomentar o consumo responsable da auga

Con motivo do Día Mundial da Auga, aqualia comparte cos máis pequenos a importancia de contribuír no aforro de auga adecuando os seus hábitos. No concurso participaron un total de 23 colexios de Vigo que presentaron máis de 800 debuxos. Un dos oito nenos premiados na nosa cidade resultou ser un dos dez gañadores individuais do concurso a nivel nacional

martes, 22 mar 2011
1300800377aqualia.jpg
O Concello de Vigo e aqualia, empresa concesionaria do ciclo integral da auga de Vigo, celebran un ano máis o Día Mundial da Auga coa entrega de premios do Concurso Internacional de Debuxo Infantil "A auga, o noso mellor valor" dirixido a escolares de 3º e 4º curso de Primaria.

A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, acompañada polo Director Territorial de aqualia, José Luís García Ibáñez, e o Director UTE Vigo, José María Ardoy, foron os encargados de entregar os premios aos 8 alumnos premiados. Durante o acto de entrega de premios, Isaura Abelairas destacou a importancia de concienciar aos máis pequenos no consumo responsable da auga, lembrando as diferentes actividades levadas a cabo por aqualia con este obxectivo.

A concelleira de Vías e Obras do Concello de Vigo animou aos nenos presentes a contribuír no aforro de auga adecuando os seus hábitos diarios. "Debemos transmitir aos nenos a idea de que a auga é un ben prezado e ensinarlles a coidalo e valoralo desde pronta idade. Gustaríame transmitir aos escolares que coa adquisición de pequenos hábitos do día a día cada un deles pode contribuír no consumo responsable da auga na nosa cidade, un obxectivo para o que necesitamos a colaboración de todos e cada un dos vigueses", destacou Isaura Abelairas.

En palabras de José María Ardoy, Director de aqualia Vigo "cada ano aumenta a participación dos escolares no concurso e sentímonos moi orgullosos da evolución da iniciativa. Para nós é moi importante poder transmitir aos máis pequenos o traballo que realizamos e a importancia de valorar un recurso tan prezado como é a auga. Agrádanos pensar que estamos a contribuír na formación dunha xeración máis responsable co entorno e o desenvolvemento sustentable".

Coloreando a auga
O Concurso Internacional de Debuxo Infantil, abriu o seu prazo de entrega o 22 de marzo de 2010 e no período de pouco máis dun mes recibíronse en Vigo un total de 819 debuxos de 23 colexios. Desde a primeira edición do concurso contabilizáronse 260.000 debuxos de España, Portugal e Italia.
Esta 8ª edición do concurso que leva por nome "A auga, o noso mellor valor" pedía unha vez máis aos nenos que plasmasen nos seus debuxos a importancia do coidado da auga na súa vida e na da súa cidade.

Entre os oito nenos premiados na nosa cidade, Lucía Fralleone Villar do colexio María Inmaculada (Irmás Carmelitas) resultou ser unha dos dez gañadoras individuais do concurso a nivel nacional e os 7 escolares restantes recibiron o premio finalista.

A partir de hoxe ábrese o prazo de presentación da IX edición do concurso Internacional de Debuxo de aqualia que leva por lema "A auga, o luxo máis transparente. Dálle cor!". Finalizará o 29 de abril de 2011 e o tema dos debuxos son as ideas dos nenos para coidar e coñecer ben a auga. A organización do certame remitirá aos centros educativos o material necesario para participar. Os debuxos deberán presentarse no papel oficial subministrado por aqualia e todos os traballos terán que incluír, dalgunha forma, as "aliñas" que forman parte do logotipo da compañía.
Descargar todas as imaxes