Escoitar

Vigo súmase ao Sistema de Seguemento Integral dos casos de violencia de xénero do Ministerio do Interior

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Secretario de Estado de Seguridade, Antonio Camacho, rubricaron este martes no Concello o convenio que incorpora á Policía Local ao Sistema estatal de Seguemento Integral dos casos de violencia de xénero, para intercambiar información, sumar esforzos e traballar conxuntamente na "prevención" desta "lacra".

martes, 22 mar 2011
1300800687convenio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Secretario de Estado de Seguridade, Antonio Camacho, asinaron este martes no Concello o convenio que permite a integración de Vigo no Sistema de Seguemento Integral dos casos de violencia de xénero que xestiona o Ministerio de Interior.

En declaracións, o Secretario de Estado valorou o "esforzo conxunto" dos corpos de seguridade locais e nacionais destinados á "prevención" desta "lacra" e indicou que este sistema emprega "as máis avanzadas tecnoloxías" para facer fronte a un problema "execrable" na nosa sociedade.

Segundo o acordo rubricado esta mañá, a Policía Local de Vigo intégrase neste sistema "pionero en Europa" para intercambiar información e traballar conxuntamente para facer unha "laboura moito máis eficaz na prevención" da violencia machista. Esta base de datos inclúe a máis de 30.000 usuarios e 200.000 mulleres, das que 4.200 están na provincia de Pontevedra.

O alcalde de Vigo recordou que a cidade conta cunha sección policial destinada á loita contra os malos tratos e imparte cursos de autodefensa a mulleres vítimas de agresións machistas. Eloxiou Caballero a "coordinación" existente entre as policías Local e Nacional e asegurou que "todos os esforzos son poucos para erradicar a violencia de xénero".
Descargar todas as imaxes