Escoitar

Tenencia e Benestar entregan a recadación de Vigolandia as asociacións Afán, Vida Digna, Remar e Casa da Caridade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, entregaron este xoves os 20.000 euros recadados en Vigolandia a catro asociacións da cidade como son Afán, Vida Digna, Remar e a Casa da Caridade. Santi Domínguez afirmou que esta achega quere contribuír a paliar as consecuencias da crise nas persoas "con verdadeiras necesidades", para o cal asegurou que "non fixo falta máis que un minuto" para que Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social o decidiran.

martes, 22 mar 2011
1300800928Vigolandia.jpg
Santi Domínguez salientou que nos tempos que corren "moito hai que repartir debido ao incremento das necesidades das persoas por mor da crise económica", polo que asegurou que Vigolandia, ademais de servir para o goce dos máis pequenos "tamén queremos que teña un compoñente solidario". Lembrou neste sentido a recente sinatura de convenios da Concellería de Benestar Social con diversas entidades da cidade "que nos axudan para chegar a esas persoas con maiores necesidades".

O nacionalista expresou o seu compromiso a "seguir traballando" nesta liña e manifestou que tanto a Tenencia de Alcaldía como a Concellería de Benestar Social teñen o convencemento de que o Concello debe servir de parapeto á crise. "Nin María Méndez nin eu estamos dispostos a recortar nin un só euro na atención ás persoas que máis o necesitan", subliñou. O tenente de alcalde agradeceu, finalmente, a colaboración dos distintos patrocinadores porque "fan posible que a recadación íntegra poida servir de axuda a estas entidades".

María Méndez afirmou que a Concellería de Benestar Social ten o obxectivo de achegar o benestar a calidade de vida aos vigueses e ás viguesas, pero apuntou que nestes momentos de crise "as nosas prioridades son as persoas coas que traballan estas asociacións". Agradeceu a súa entrega e salientou o desenvolvemento do traballo en rede, así como ao tenente de alcalde o seu "total apoio" nesta lexislatura.
Descargar todas as imaxes