Escoitar

Xesus López anuncia que o cine súmase á programación do Auditorio Municipal, que incorpora dous novos tipos de abono

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este venres a continuación do programa estable de artes escénicas do Auditorio Municipal para os meses de abril, maio e xuño. O nacionalista destacou que o cine súmase ao teatro, á música e á danza, dan man do Cine Club Lumière, ofrecendo unha programación "amplísima e variadísima para todos os públicos como nunca tivo esta cidade".

venres, 18 mar 2011
1300457187Programacion.JPG
Xesus López afirmou que o programa mantén a aposta polos "prezos á baixa", tendo en conta a situación de crise actual, polo que destacou que nesta temporada hai un total de catro abonos. O abono mensual para os programas Con T de Teatro e Con t minúsculo ten un desconto do 10%, mentres que o abono trimestral para Con T de Teatro, Con t minúsculo e Vigo en Danza ten un desconto do 25%. Ademáis destas dúas alternativas pódese adquirir o abono á carta 5, mediante o cal se poden elixir cinco espectáculos da programación e ter un 10% de desconto; tamén se pode escoller o abono á carta 10, co cal o desconto é do 25% sobre o prezo total.

Respecto á programación para os vindeiros meses, o concelleiro de Cultura explicou que comeza os días 1, 2 e 3 de abril con música, en concreto co XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" 2011. As seguintes actuacións musicais serán o 7 de abril, ás 20.30 horas, co concerto de Narf e Manecas Costa "Aló irmao", e o 9 de abril ás 21 horas, co espectáculo Noitarega. No tocante ao programa destinado ao cine, sinalou que comezará o luns 4 de abril ás 20.30 horas, coa proxección do documental "Rodillas" e o posterior coloquio no que participarán os ex xogadores do Celta Gudeli e Salinas.

Segundo indicou o concelleiro nacionalista, os venres e os domingos estarán adicados ao teatro, cos programas Con T de Teatro e Con t minúsculo, respectivamente. A primeira obra desta temporada de Con T de Teatro será o 8 de abril, cando ás 21 horas a compañía Producións Acontrabutaca interepretá a obra "Frantasmas". Pola súa banda, o Mago Rafa dará inicio á temporada de Con T minúsculo o 11 de abril coa obra "Dez anos de momentos máxicos". Os prezos do programa Con T de Teatro son de 7 e euros, mentres que os de Con t minúsculo son de 3 euros para os menores de 12 anos e de 5 para os maiores.

No tocante á danza, Xesus López salientou o espectáculo "Solodos", que terá lugar o 16 de abril ás 21 horas a cargo da compañía Solodos Neodans, así como o programa de actuacións previstas para os días 29 de abril e 1 de maio para conmemorar o Día Mundial da Danza. Sinalou que se pode consultar a programación completa na web www.vigo.cultura.org e as entradas para os espectáculos poden mercarse na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.

En resposta ás preguntas dos medios sobre a resposta do público da programación desenvolvida nos primeiros meses dende a apertura do Auditorio Municipal, o concelleiro nacionalista asegurou que tivo unha "acollida moi boa", xa que incluso o público "vaise fidelizando segundo os seus gustos".
Descargar todas as imaxes