Escoitar

Igualdade pon en marcha o obradoiro literario "Nós tamén escritoras" para potenciar ás mulleres creadoras

A concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este mércores o obradoiro literario "Nós tamén escritoras", que impartirá o escritor Francisco Castro grazas á colaboración da editorial Galaxia. O obradoiro está dirixido ás mulleres empadroadas en Vigo con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, polo que Iolanda Veloso animou ás rapazas viguesas a participar na iniciativa.

mércores, 2 feb 2011
1296663359Obradoiroliterario.JPG
"Queremos dirixirnos ás mulleres creadoras da nosa cidade porque sigue existindo discriminación no eido literario", salientou a concelleira. A nacionalista explicou que o prazo de inscrición xa está aberto e pódese facer presencialmente na Concellería de Igualdade, no primeiro andar do Concello de Vigo, ou telefonicamente no número 986 210 284.

"Nós, tamén escritoras" está integrado por cinco obradoiros de dúas sesións cada un que se desenvolverán tanto en horario de mañá como de tarde, "para favorecer a asistencia de todas as mulleres interesadas", afirmou Iolanda Veloso. O primeiro será neste mes de febreiro, nos días 16 e 23, de 18 a 20 horas. O seguinte celebrarase en marzo, os días 16 e 23, de 10 a 12 horas. Os días 6 e 13 de abril terá lugar o terceiro, en horario de 18 a 20 horas. O seguinte será os días 14 e 21 de setembro, de 10 a 12 horas. Finalmente, o quinto celebrarase o 19 e 26 de outubro de 18 a 20 horas.


A concelleira de Igualdade agradeceu á editorial Galaxia e ao escritor Francisco Castro a súa colaboración para desenvolver o programa. Pola súa banda, Francisco Castro destacou que os obradoiros están destinados a escribir e son "eminentemente prácticos". Explicou que as mozas que participen, ademais de enfrontarse "aos mínimos que todos os escritores deben manexar para iniciar un relato, participarán dunha actividade tremendamente lúdica". Neste sentido asegurou que os obradoiros non parten dunha concepción da literatura como algo terrorífico "senón para pasalo ben".

Francisco Castro adiantou que as creadoras recibirán como agasallo dous libros de autoras viguesas e terán a oportunidade de publicar electronicamente os seus textos literarios na web da editorial Galaxia. "Esta actividade formativa busca incorporar novas voces femininas á literatura galega", concluíu.
Descargar todas as imaxes