Escoitar

Santi Domínguez di que a mostra "Vigo: O nacemento dunha cidade" abre a nova etapa de Castrelos como Museo da Cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou hoxe o Museo Quiñones de León co obxectivo de comprobar o remate das obras de mantemento do edificio realizadas nos últimosmeses e presentar a exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", que se inaugurará o vindeiro 25 de febreiro. Segundo destacou o nacionalista, esta mostra supón o primeiro paso para a transformación do Pazo de Castrelos en sede permanente da historia de Vigo como Museo da Cidade e como eixo central da vertebración museística de Vigo.

mércores, 2 feb 2011
1296663278Castrelos.JPG
Santi Domínguez explicou que "tiñamos claro que non podiamos seguir sen unha oferta vertebrada e quixemos afrontar a rede museística partindo deste museo". O nacionalista subliñou que era preciso celebrar esta vertebración "cunha gran exposición", como é "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", que abarcará o primeiro século de Vigo como cidade, de 1810 a 1910. A mostra estará integrada por aproximadamente 110 obras, entre retratos, libros, pezas artísticas publicitarias de cerámica, planos, pezas relacionadas co desenvolvemento económico da cidade, e documentación urbanística e relacionada coa Reconquista.

O eixo central da exposición será o Salón de Próceres, no que se exhibirá, recén restaurada, a galería de retratos históricos do museo, con nomes como José Elduayen, Ángel Urzáiz, García Barbón, e Policarpo Sanz, entre outros. O tenente de alcalde indicou que nas primeiras salas abordarase o episodio da Reconquista, que motiva a concesión do título, e unha evocación da cidade nos seus primeiros 50 anos. As seguintes salas explicarán os 50 anos comprendidos entre 1860 e 1910, periodo no que Vigo experimenta un extraordinario desenvolvemento urbanístico e económico, época na que destacan os planes de ensanche, a construción de estradas, a chegada do ferrocarril e o inicio da industria conserveira e asteleira. Noutra sala amosarase o desenvolvemento cultural, que tivo o seu reflexo na intensa actividade editorial.

Santi Domínguez afirmou que entre as obras de interese que se poderán contemplar destacan un cañón da Laxe, documentación do arquivo municipal de Vigo, estampas de paisaxes de Vigo de nova adquisición e a placa de Eduardo Iglesias de Mariano Benlliure. Poderanse ver tamén murais de Faro de Vigo, retratos da Escola de Artes e Oficios, pezas do Museo Anfaco e Novacaixagalicia, como unha balanza de medir ouro ou máquinas de sumas; así como da Cámara de Comercio, entre as que destacan cartas en relación co desastre do 98 e a carta de Elduayen na toma de posesión do cargo de enxeñeiro do Porto de Vigo.

"Despois de tres anos e medio, temos que valorar o que temos hoxe na cidade no ámbito cultural", salientou o tenente de alcalde. Neste sentido mencionou o Museo de Castrelos, do que dependen os xacementos de Toralla e O Castro, o Verbum, cunha actividade diferente nos últimos meses, e lembrou que non vindeiros meses estará rematada a Pinacoteca e o Centro Galego de Fotografía. "Temos que valorar que nun só mandato, Vigo se constituirá como referente no mundo cultural peninsular", manifestou.

O tenente de alcalde fixo estas manifestacións tras o percorrido que realizou polas diferentes salas remodeladas xunto ao concelleiro de Patrimonio Histórico e responsable do Museo, Eudosio Álvarez; acompañados doutros concelleiros, do director do museo e de técnicos que traballaron na reforma. Asegurou que a aposta polo museo "pódese visualizar nas salas, que tras estas obras, son dignas do museo da cidade".

En canto ás obras levadas a cabo no primeiro andar do pazo, lembrou que tiñan por obxectivo "solucionar as carencias do museo", posto que nos últimos dez anos non se efecturara ningunha mellora. Explicou que contaron cun orzamento de 120.000 euros e consistiron na mellora da iluminación e do sistema contra incendios, así como na substitución dos falsos teitos e obras de carpinteiría. Santi Domínguez expresou seus parabéns ao concelleiro de Patrimonio Histórico e ao director do museo, así como aos traballadores e traballadoras que desenvolveron as obras porque ao seu xuizo "é un traballo moi ben feito".

O concelleiro de Patrimonio Histórico agradeceu tamén a todas as persoas que traballaron na boa marcha das obras e convidou á cidadanía a participar o vindeiro 25 de febreiro "neste primeiro ensaio co que quixemos recuperar o máis significativo do patrimonio e trasladalo aquí". Eudosio Álvarez, en resposta aos medios, sinalou que é unha mostra temporal, pero cando menos poderá visitarse durante un ano "porque consideramos que ten que ser coñecida por toda a cidadanía de Vigo". Os comisarios da mostra son os integrantes do padroado do museo Francisco Pablos e Lalo Vázquez Gil e a coordinación correspondeu a Beatriz de Lis.
Descargar todas as imaxes