Escoitar

Santi Domínguez salienta que máis de 600 especialistas reuniránse en Vigo no congreso de Atención Farmacéutica

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este martes o VII Congreso de Atención Farmacéutica, que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro no Centro social de Novacaixagalicia e contará coa participación de máis de 600 especialistas. O nacionalista expresou a súa satisfacción polo primeiro ano da posta en marcha do Vigo Convention Bureau, que ten como obxectivo fundamental acadar que a nosa cidade sexa referente no turismo de negocios e congresos e a desestacionalización do turismo.

martes, 1 feb 2011
1296566494Congreso.JPG
O tenente de alcalde salientou que é un dos 9 congresos xa pechados para 2011, que traerán a Vigo máis de 8.000 persoas e un retorno económico que supera os 7,5 millóns de euros. "A captación de congresos para este ano é un gran resultado", asegurou na presentación, na que tamén participaron Borja García, presidente da Fundación Pharmaceutical Care: Floro Andrés Rodríguez, presidente do comité científico do congreso, e Diego Herrera, representante da empresa organizadora Grupo Pacífico, aos que agradeceu a elección de Vigo como sede do evento.

Santi Domínguez avanzou que dende a Fundación Vigo Convention Bureau xa se están pechando novos congresos para 2012 e 2013. Na liña que conseguir novos eventos, o nacionalista comentou que Vigo estará presente no congreso OPC, da Federación Española de Empresas Organizadoras Profesionais de Congresos, que terá lugar en Elxe do 9 ao 12 de febreiro. Ao respecto asegurou que a presenza de Vigo é fundamental para pechar máis eventos para os vindeiros meses, xa que están presentes todos os organizadores de congresos e incentivo e medios especializados.

O presidente da Fundación Pharmaceutical Care agradeceu ao Concello de Vigo o apoio para organizar o congreso, así como o Vigo Convention Bureau "xa que todo foron facilidades", apuntou. Comentou que será a primeira vez o congreso de Atención Farmacéutica se celebre en Galiza e asegurou que teñen "grandes espectativas tanto no nivel científico como de asistencia".

O presidente do comité científico tamén agradeceu ao Concello e o Convention Bureau a colaboración no deseño do congreso. Explicou que se celebra cada dous anos e ten por obxectivo presentar os estudos de investigación na atención farmacéutica comunitaria, hospitalaria e atención primaria. Sinalou que se debatirán temas profesionais de actualidade, como as novas directivas de Bolonia ou a influenza da situación actual na actividade farmacéutica, pero tamén será posible participar en obradoiros formativos.
Descargar todas as imaxes