Escoitar

5.500 nenos visitaron a Escola Municipal do Xogo durante o pasado curso escolar

mércores, 3 xul 2002
imx1626.jpg
Visita de Chans-Bembrive
A Escola Municipal do Xogo posibilitou no curso lectivo escolar 2001-2002 pasar ”un día máxico” a 5.500 nenos e 351 mestres de 148 centros escolares. A Concellería de Educación atendeu, deste xeito, a demanda de actividades lúdico-educativas destinadas a escolares vigueses de 3 a 7 anos de centros de infantil, primaria e educación especial.

O xogo considérase a principal actividade infantil por ser o que máis atrae e absorbe o interese do neno. Ó mesmo tempo, é unha actividade moi útil para a súa vida adulta, xa que estimula a súa mente e madura o seu carácter. O espacio da Escola Municipal do Xogo está adaptado á realidade psicolóxica do neno de 3 a 7 anos, que responde a unha mentalidade máxico-animista na que todo cobra vida e o mundo real e fantástico están mesturados.

Na Escola Municipal do Xogo conflúen elementos máxicos e estimúlase a creatividade do neno a través de conxuros, cantos, disfraces e diversos elementos inusuais. As visitas significaron para os nenos o disfrute dunha xornada máxica e novidosa na que saíron do seu contorno cotiá para atopar un mundo fantástico feito á súa medida, dando renda solta á súa personalidade en tódolos seus ámbitos, aprendendo e divertíndose á vez. O xogo libre ocupou tamén un lugar importante nesta escola.

Os obxectivos que a Escola Municipal do Xogo tentou acadar a prol da mellora da calidade do ensino infantil foron os seguintes:

-Fomentar o desenvolvemento integral da personalidade do nenos en tódolos seus ámbitos (social, psicomotor, afectivo, intelectual...) a través dunha dinámica lúdico-educativa.
-Estimular a creatividade dos nenos.
-Propiciar a cooperación e colaboración sociais.
-Disfrutar de xogos de tipo manipulativo, motriz, sensorial, lóxico e de expresión corporal.
-Fomentar a animación á lectura.
-Interiorizar a nosa cultura a través dos xogos e dos xoguetes.
-Deseñar orientacións lúdico-educativas para o profesorado asistente e implicar ós pais do alumnado na visita.

Na actualidade, moitos centros de ensino da cidade seguen a incluír a visita á ”Escola Municipal do Xogo” como unha das actividades previstas nas programacións anuais e incluso a expectación deste pioneiro proxecto educativo transcendeu a outros concellos limítrofes interesados en participar no mesmo.
Descargar todas as imaxes