Escoitar

Primeiro encontro de mulleres de Casas de Acollida

mércores, 3 xul 2002
A concelleira da Muller, Ana Gandón, inaugura o próximo venres o primeiro Encontro de Mulleres de Casas de Acollida organizado pola asociación OVARIAS, integrada por mulleres víctimas de malos tratos, moitas delas ex-usuarias da Casa de Acollida de Vigo. O encontro terá lugar os vindeiros días 5 e 6 de xullo e na organización do mesmo colaboran a Concellería da Muller do Concello de Vigo e o Concello de Baiona.

Dende as primerias Casas Refuxio postas en marcha por asociacións de mulleres nos anos 60/70, recorreuse un longo camiño na loita contra a violencia e en apoio das víctimas. O acollemento xa non é o único recurso de que se dispón e forma parte dun complexo entramado de medidas de apoio e protección. Debater o lugar que o acollemento ocupa nesta rede, as diferentes alternativas que se teñen posto en marcha en Galicia, a súa necesidade e cualidade, faise cada vez máis urxente, e as mulleres que utilizan estes recursos teñen que estar presentes e ser protagonistas deste debate.

No encontro, que será inaugurado por Ana Gandón, concelleira da Muller de Vigo, participarán 30 mulleres usuarias e ex-usuarias de Casas de Acollida de Galicia que durante os dous días do Encontro poñerán en común a súa experiencia de vida nas Casas: reflexionarán sobre o papel que este recurso xoga na loita contra a violencia de xénero e na protección das mulleres e debatirán sobre a adecuación e axuste destes servicios ás necesidades reais das mulleres que o precisan.

Estas 30 mulleres acudirán cos seus fillos/fillas menores: 17 nenas e nenos entre 1 e 13 anos que serán atendidos mentras se desenvolve o encontro por catro monitoras. O alto número de nenos inscritos evidencia unha das problemáticas que se agachan nas Casas de Acollida: a atención ós nenos e nenas, é o mesmo tempo as dificultades de encarar unha nova vida con menores dependentes.

O encontro desenvolverase en paneis, grupos de traballo e postas en común protagonizados polas propias participantes e responsables de OVARIAS, a excepción do Panel 1, que contará coa participación das Directoras das Casas de Acollida de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense.

O lugar de celebración do encontro, nos arredores da cidade de Vigo, non se fará público para garantizar a seguridade das asistentes.