Escoitar

O alcalde anuncia unha nova rotonda na Gran Vía con Illas Baleares para "gañar fluidez e seguridade viaria"

Abel Caballero informou este luns da instalación o próximo xoves dunha nova rotonda na Gran Vía, á altura da rúa Illas Baleares, ao tempo que prohibiranse os xiros á esquerda á altura de Ramón y Cajal e Valencia, para evitar "xiros perigosos". A rotonda será provisional nun inicio, e as actuacións de mellora viaria na Gran Vía continuarán próximamente cunha segunda fase.

luns, 7 xuñ 2010
1275913628jgl.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns da instalación dunha nova rotonda provisional na Gran Vía, á altura da rúa Illas Baleares, co obxectivo de "gañar fluidez e seguridade viaria".

Segundo explicou o socialista, o establecemento desta rotonda suporá ademais a prohibición de dous xiros á esquerda que actualmente atravesan o carril en sentido contrario da Gran Vía. Un deles é o que permite aos vehículos que ascenden desde Travesas ata a Praza de España o acceso á rúa Valencia, e o segundo prohibido -en sentido descendente inmediatamente despois do túnel da Praza de España- está á altura de Ramón y Cajal, para dirixirse a Estrada Provincial e a Mantelas. Estes vehículos deberán facer uso da rotonda desde o vindeiro xoves.

A rotonda contará con tres carrís de circulación e estará instalada de xeito provisional para que os técnicos municipais inspeccionen o seu funcionamento de cara á definitiva. O alcalde anunciou que esta medida terá continuidade nunha segunda fase, na que prevé habilitarse unha segunda rotonda máis próxima á Praza de América.

Abel Caballero asegurou que este "proceso de melloras na circulación" entre a Praza de España e a Praza de América suporá "gañar fluidez de tráfico e seguridade viaria", xa que "eliminamos dous xiros moi perigosos en Gran Vía". O obxectivo desta iniciativa e da segunda fase prevista é "retirar todos os cruces e xiros complexos" nesta avenida.
Descargar todas as imaxes

Máis información