Escoitar

Medioambiente instalará sete puntos de observación de aves ao longo do paseo do Lagares

A responsable do departamento municipal, Chus Lago, explicou este martes as melloras "moi demandadas pola cidadanía" realizadas ao longo do paseo, como a canalización das augas pluviais para evitar o encharcamento, desbroce e limpeza; e anunciou novas medidas, como a instalación dunha nova ponte nas proximidades da depuradora e de cinco novas fontes máis. O Concello inviste nestas actuacións 165.000 euros.

martes, 4 mai 2010
1272975911chus.JPG
A concelleira de Medioambiente, a socialista Chus Lago, presentou este martes as reformas realizadas no paseo do Lagares, e anunciou novas actuacións, como a instalación de sete puntos de observación de aves, cun investimento total de 165.000 euros.

A concelleira indicou que ao longo do paseo habilitaranse sete carteis informativos sobre a variedade de aves presente na zona así como a súa cantidade. Xunto a esta acción, Medioambiente proxecta dispor en dous meses dunha nova ponte á altura da depuradora, e habilitar ademais cinco novas fontes.

Sobre éstas, Lago explicou que o Concello disporá unha canalización de 1.300 metros de lonxitude ata a desembocadura para dar servizo ás cinco novas fontes, separadas en medio quilómetro aproximadamente. A concelleira sinalou que os bebedeiros incorporarán un dispensador específico para cans, e recordou que actualmente non existen bebedeiros no tramo final do paseo.

Dentro do plan de actuación na beira do río, a Concellería que dirixe Chus Lago xa efectuou sendas melloras, como a reposición das varandas de madeira, o desbroce e a limpeza do cauce, e a instalación de medidas de drenaxe que eviten o encharcamento do paseo coas chuvias. Lago afirmou que o seu departamento tamén habilitou novas mesas de madeira, plantou novas árbores e reparou a pasarela peonil.
Descargar todas as imaxes