Escoitar

Chus Lago programa actividades de sensibilización medioambiental para 200 nenos de Vigo e dos Ancares

Por mor do Ano Internacional da Biodiversidade, a Concellería de Medioambiente programou actividades ambientais de balde entre os días 14 e 17 deste mes, onde convivirán 50 nenos dos Ancares e 150 de Vigo de entre 9 e 12 anos en VigoZoo e nunha acampada nas Illas Cíes. 25 monitores traballarán cos nenos no programa, que pecha a súa inscripción esta semana. A actividade completarase en setembro, cunha visita dos rapaces de Vigo aos Ancares.

martes, 4 mai 2010
1272972815logo.jpg
A concelleira de Medioambiente, a socialista Chus Lago, anunciou hoxe martes a organización do programa VIGODIVERSIDADE, destinado á sensibilización ambiental de 50 nenos dos Ancares e 150 de Vigo de entre 9 e 12 anos con actividades no VigoZoo e nas Illas Cíes.

Na fin de semana do 14 ao 17 de maio terán lugar as accións do departamento municipal, que inclúe obradoiros ambientais e observación de estrelas nunha acampada de dous días no Parque Nacional Illas Atlánticas. A inscripción para o programa, totalmente de balde e incluído nas accións do "Vigo Camiño a Camiño e Máis", péchase esta semana por teléfono e en VigoZoo.

Un total de 25 profesionais especializados -da bioloxía e a oceanografía, socorristas e monitores de animación e educación física- acompañarán aos rapaces durante todo o programa. A concelleira explicou que nunha seguinte xornada, a celebrarse en setembro, os nenos de Vigo viaxarán aos Ancares para afondar nesta convivencia a prol da educación ambiental.

Toda a información está dispoñible no apartado de Medioambiente da páxina web municipal (www.vigo.org), así como distintas recomendacións para os país ou titores e as instruccións para a inscripción.