Escoitar

O alcalde propón ao IDAE que Vigo lidere a implantación do vehículo eléctrico en España

Caballero acordou co Instituto estudar a aplicación na cidade olívica dun proxecto piloto estatal para o funcionamento do vehículo eléctrico. "Vigo sería unha magnífica cidade para experimentar todo este proceso", apuntou Caballero, quen sinalou que o Instituto dependente do Ministerio de Industria acolleu a idea "con entusiasmo".

xoves, 8 abr 2010
1270741046r.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo esta mañá ao director xeral do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Enrique Jiménez, que Vigo lidere a implantación do vehículo eléctrico en España.

A proposta do rexedor vigués pasa por elaborar un proxecto para "converter a Vigo en cidade piloto de fabricación e utilización de automóbiles eléctricos". "Vigo sería unha magnífica cidade para experimentar todo este proceso", apuntou Caballero, quen sinalou que o Instituto dependente do Ministerio de Industria acolleu a idea "con entusiasmo".

Caballero e Jiménez acordaron en Madrid a elaboración dun plantexamento piloto para toda España, a aplicar na cidade olívica, co obxectivo de que Vigo sexa unha cidade referencial na materia, mediante a implantación pioneira dunha rede pública e privada de distribución e de electrolineras.

O alcalde vigués plantexou no IDAE que Vigo, mediante a súa potente industria de automoción, fabrique o vehículo eléctrico e poida implantar os servizos necesarios para o seu funcionamento na urbe, convertindoa así nun municipio ecolóxicamente concienciado, con menores emisións do CO2 á atmósfera e tecnoloxía punta na fabricación e distribución do vehículo eléctrico.

Segundo salientou Abel Caballero, o Concello de Vigo elaborará e acordará co IDAE un proxecto integral de implantación do vehículo eléctrico na cidade olívica, e ambas institucións estudarán en conxunto, e co Ministerio de Industria, a súa aplicación práctica.

O alcalde asegurou que xa está en conversas coa factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën -quen amosou o seu interese na fabricación de vehículos eléctricos- para a implantación do modelo, que "requeriría de apoio cidadá". "Somos os primeiros que poñemos esta idea enriba da mesa en Europa", concluiu, e será estudado "con gran entusiasmo" polo Ministerio de Industria, coñecedores da proposta viguesa.
Descargar todas as imaxes