Escoitar

Concello, Turespaña e Xunta asinan o convenio para desenvolver o Plan de Competitividade Turística de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, o director de Turespaña, Antonio Bernabé, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra, José Magaz, asinaron este xoves o Plan de Competitividade de Produto Turístico "Vigo, Turismo Urbano & Ría". Tras a sinatura do documento, o tenente de alcalde destacou que este plan será o "espaldarazo ao turismo da cidade".

xoves, 29 out 2009
1256825612plancompetitividade.jpg
O tenente de alcalde asegurou que coa sinatura do Plan de Competitividade de Produto Turístico se pon de manifesto que hai "vocación clara" de facer de Vigo unha cidade turística de xeito que o seu turismo sexa cada vez "máis excelente". Ao seu xuízo, trátase dun plan "ben cohesionado" que recolle as peculiaridades e potencialidades da cidade. "O plan se vertebra en torno a un obxectivo fundamental, que é que cada vez nos visiten máis turistas", salientou.

Santi Domínguez indicou que o plan ten que servir para "configurar estruturas sólidas para o sector turístico", porque contribúen ao incremento da riqueza. Asemade, agradeceu "toda a colaboración" da Secretaría Xeral de Turismo e de Turespaña e asegurou que Vigo "vai facer os deberes" tras a sinatura do documento.

O Plan de Competitividade Turística é a ferramenta de traballo encargada de coordinar a promoción turística da cidade durante os 3 vindeiros anos e conta cun orzamento de preto de 4 millóns de euros para ese periodo. A súa posta en marcha busca posicionar Vigo como destino náutico, aumentar o número de pernoctacións na cidade nun 6% ata 2012 e entre un 15 e un 20% ata 2019, así como incrementar en 10 puntos os visitantes extranxeiros e acadar un 30% máis de expositores extranxeiros no segmento de feiras. Paralemente as accións irán dirixidas a superar o gasto medio de 160 euros por cliente e xerar emprego no sector en catro ou cinco puntos por riba da evolución xeral do emprego na cidade.

O presidente de Turespaña, Antonio Bernabé, salientou que a sinatura de hoxe é tremendamente importante polo que supón de "aposta por un produto máis innovador e que teña máis capacidade de penetración nos mercados internacionais". Destacou que se trata do primeiro Plan de Competitividade Turística asinado para unha cidade galega, que se suma aos Plans de Excelencia que xa existen en Galicia, cinco deles na provincia de Pontevedra. Afirmou, por outra banda, que é un exemplo do traballo entre as distintas administracións co obxectivo de "ter éxito no maior posicionamento nos mercados".

Entre as características do plan fixo unha especial mención á "participación activa" do sector privado. Ao seu xuízo este é un elemento "clave" no éxito de calquera acción, posto que fai que o turista ao chegar ao seu destino atope os mellores servizos hosteleiros, de restauración ou de transporte. Manifestou que Vigo leva moito tempo traballando no seu posicionamento como destino turístico, no que ten xogado un papel fundamental, segundo indicou, o seu contorno e a súa gastronomía. "Pero ademais fai falta ensamblar os diferentes produtos e dar un salto", salientou.

Antonio Bernabé asegurou que será o Plan de Competitividade Turística o que permita posicionar Vigo como destino turístico. "Apoiamos o plan dende o principio porque estaba formulado cunha concepción integradora que afonda nos procedementos de xestión do destino e a formación dos profesionais", explicou. Segundo o director de Turespaña "ten todos os ingredientes para ter éxito".

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, fixo fincapé en que se trata do primeiro Plan de Competitividade Turística de Galicia e que ademais, Vigo é a última gran cidade que non contaba cun plan deste tipo. "Estamos de noraboa por dobre motivo", salientou. Ademais, coincidiu co director de Turespaña ao resaltar a importancia da participación do sector privado.

Na súa intervención desglosou o obxectivo de traballo do primeiro ano, no que se investirán 1.158.000 euros, cun 33% das tres administracións asinantes. Indicou que parte deste investimento será para "planificar Vigo como produto urbano", no que resulta fundamental potenciar a cidade como destino de reunións co obxectivo de "desestacionalizar o turismo" e potenciar o sector náutico e as actividades de ría. Incrementar o número de pernoctacións na cidade e o gasto medio dos turistas foron outros dos aspectos que destacou a representante da Xunta.

O presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra, José Magaz, expresou o seu "contento polo desenvolvemento deste plan que beneficia ao turismo e aos comercios". Subliñou a súa importancia na promoción da cidade e expresou o seu agradecemento "por contar cos empresarios".
Descargar todas as imaxes

Máis información