Escoitar

O pavillón de Teis acollerá o sábado o VIII Torneo de Loita Olímpica e a homenaxe aos loitadores galegos

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou este venres que o pavillón de Teis acollerá mañá, a partir das 16.30 horas, o VIII Torneo de Loita Olímpica San Ignacio e a homenaxe aos loitadores galegos, no que participarán equipos de toda a Península. Na presentación do torneo, o edil do BNG salientou a importancia de que os deportistas máis novos "teñan preto referentes nos que poder reflectirse".<br /> <br />

venres, 29 mai 2009
1243602561roldaloitadores.jpg
"A loita sempre foi un deporte de élite na cidade", destacou o concelleiro de Deportes, quen sinalou que a homenaxe aos loitadores "é totalmente merecida porque vai destinada a persoas que deron moito pola práctica deportiva". Asemade, sinalou que a loita ten presenza no deporte de base vigués en tanto que se pode practicar a través das Escolas Municipais.

Pola súa banda, o presidente da Federación Española de Loita, Ángel López Rojo, recoñeceu o traballo desenvolvido dende Galiza, e en concreto dende Vigo, a prol da loita e para ser sede das diferentes modalidades olímpicas. No tocante ao futuro deste deporte, destacou que a Federación de Pontevedra é a que máis deportistas presenta, o cal ao seu xuízo supón que "Galiza ten un gran potencial".

Da cidade de Vigo participarán no torneo os clubes Castro, Kuzushi, Independente, Cidade de Vigo, Saudade e San Ignacio; do resto de Galiza tomarán parte os equipos, de Chantada, de Pontevedra, de Lugo, de Santa Uxía, de Láncara, de Sabarís, e o Stellae e o Keltoi. Asemade, os clubes convidados son o Casa do Povo de Portugal e a Selección Española Feminina.
Descargar todas as imaxes