Escoitar

Concertos de música sacra na Concatedral de Santa María de Vigo

venres, 30 mar 2001
imx82.jpg
O concerto do Ciclo de Música Sacra, que organiza a Concellería de Cultura para o sábado 21 de marzo, e do que son os protagonistas a soprano Benedicte Tauran e o grupo L’Assemblée des Honnestes Curieux, está dedicado por enteiro ás cantatas e sonatas sacras do compositor alemán Georg Philip Telemann.

É un repaso á obra deste compositor, que dedicou a maioría da súa obra á música sacra e do que non se coñecen, entre o gran público boa parte das súas composicións. Con características moi peculiares, as cantatas e sonatas de Telemann teñen unha mestura dos estilos de facer música sacra que imperaban na época en Alemaña, Italia e Francia.
Greorg Philip Telemann (1681-1767) foi o fundador do Collegium Musicum e da Ópera de Leipzig. Director de música en Hamburgo –cidade na que faleceu–, viaxou por toda Alemaña e residiu en Berlín e en París. A súa producción musical foi moi abundante, sobre todo no que se refire ó apartado vocal: cantatas, oratorios, paixóns e óperas. Tamén compuxo un bo número de pezas instrumentais, entre as que destacan suites, sonatas, concertos e oberturas. Está considerado como o máis representativo compositor de música sacra alemana do século XVIII.
A parte vocal do concerto do Ciclo de Música Sacra dedicado ás cantatas e sonatas de Telemann corre a cargo da soprano francesa Benedicte Tauran. Natural da localidade de Limoxes, realizou os seus estudios no Centro Nacional desa cidade, para especializarse, posteriormente, na Schola Cantorum Basiliensis e no conservatorio da cidade de Neuchâtel, onde obtivo o seu diploma de fin de carreira en febreiro do ano pasado. Pese á súa xuventude, interveu xa en numerosas representacións operísticas, como as realizadas no Teatro dos Estados de Praga, en 1999, con obras de Rameau e Leclair. Tamén foi o protagonista de numerosos concertos como solista, sobre todo en escenarios de Suíza, Francia, España e Arxentina. Os seus próximos proxectos son a interpretación dos papeis de Anne na ópera de Nicolai e de Norina no Don Pasquale de Donizetti.
L’Assemblée des Honnestes Curieux é o grupo que se encargará da parte instrumental do concerto de Telemann. Os seus fundadores tomaron o nome da sociedade de concertos fundada no século XVIII polo clavecinista francés Jacques Champion de Chamboinnières. Os membros do grupo teñen a gala realizar interpretacións con instrumentos que son fieis reproduccións dos que se utilizaban naquela época. O grupo está formado por Amandine Beyer, ó violín: Antoine Torunczyk, ó óboe: Chiao-Pin Kuo, na clave: e Baldomero Barciela, na viola da gamba. Todos eles estudiaron nas mellores escolas europeas de música antiga. A maioría toca, habitualmente, con formacións de coñecido renome internacional como a Orchestra des Champs Elysées, a Capilla Real de Cataluña ou a Freiburg Baroque Orchestra, entre outros. En 1998 obtiveron o primeiro premio durante a terceira edición do prestixioso Premio Bonporti. Percorreron cos seus concertos Italia, Francia, Portugal e España, e participaron nos festivais máis importantes de música antiga de cantos se celebran en Europa. En poucos meses sairá ó mercado o seu primeiro disco, dedicado ás pezas en trío de Marais e editado pola compañía italiana Stradivarius.
Descargar todas as imaxes