Escoitar
O prazo de solicitudes abrirase no mes de abril

O Concello de Vigo subvenciona as actividades das asociacións de persoas maiores

martes, 27 mar 2001
O Concello de Vigo subvencionará, con tres millóns de pesetas, os programas de actividades de asociacións de persoas maiores inscritas no Rexistro Municipal.

Entre os obxectivos deste plan está potenciar o tecido social de maiores e realizar programas e actividades socioculturais, recreativas e sociais que eleven a súa calidade de vida.

Desde a Concellería de Benestar Social deséxase manter unha atención específica a este colectivo de maiores, que representa máis do 12% da poboación, polo que se abre, a partir do mes de abril, esta convocatoria específica de subvención destinada á súa potenciación.

Nun intento por dinamizar este colectivo específico traballouse nos últimos dous anos na potenciación do tecido social integrado por persoas de idade que, ben de forma autónoma ou integrados nos diferentes núcleos asociativos da cidade, uníronse para formar unha asociación.

Neste momento, e como froito do traballo específico existen na cidade 18 asociacións integradas por persoas maiores e prevese que este número se incremente de forma notable. Existe tamén o Consello Muncipal das Persoas Maiores como órgano participativo, consultivo e de asesoramento que se encarga de propoñer actividades específicas para o colectivo que representan. Agrupa na actualidade máis de 30 asociacións e entidades formadas polos maiores da cidade.