Escoitar

Santi Domínguez reclama a presenza en Vigo da ministra de Fomento para aclarar o proceso de expropiación polo AVE

O tenente de alcalde, o nacionalista Santi Domínguez, reclamou este venres a presenza en Vigo da ministra de Fomento "para que aclare a situación que se está a producir en relación ás expropiacións das fincas afectadas pola entrada do AVE na cidade".

venres, 4 xul 2008
1215176522RoldaAVE.JPG
Ademais, solicitou a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros extraordinariaa para o vindeiro luns para que o alcalde dea conta do seu anuncio, efectuado o pasado 8 de maio, segundo o cal o AVE entraría soterrado polo que Fomento paralizaría o proceso de expropiación das fincas afectadas en Teis, manifestacións que Santi Domínguez considera "falsidades" porque hoxe varios afectados recibiron ordes de desahuicio.

Santi Domínguez expresou a "enorme preocupación" existente no BNG polo feito de que o mesmo día que o pleno da Corporación Municipal, 30 de xuño, acordaba por unanimidade reclamar a paralización dos procesos de expropiación, o Contencioso Administrativo número 2 de Vigo emitía cartas a dous afectados nas que se indicaba que estes dispoñían de tres días para reclamar a ocupación das fincas por parte do Ministerio de Fomento. Pero, segundo o tenente de alcalde, "o máis preocupante" é que o 8 de maio o alcalde anuncie que o AVE entrará por un túnel soterrado de 8 kilómetros, polo que Fomento ordenará a suspensión das expropiacións. "Hoxe temos a proba evidente de que isto era unha falsidade".

"Como se pode dicir que Fomento suspenderá as expropiacións cando este propio Ministerio emite o comunicado de ocupación das fincas", pregúntase o tenente de alcalde, quen considerou que a situación que está a vivir a veciñanza afectada do barrio de Teis é unha "auténtica tomadura de pelo". Santi Domínguez asegurou que o BNG non vai permitir que continúe esta situación que están a vivir uns veciños e veciñas "que non o merecen", polo que reclamou a presenza en Vigo da ministra de Fomento e a convocatoria urxente para o vindeiro luns dunha Xunta de Voceiros extraordinaria. Nesta reunión, o grupo municipal nacionalista solicitará "un escrito de Fomento no que se explique esta situación".

"Isto é intolerable", reiterou o tenente de alcalde, e afirmou entender "agora" que aínda non teña resposta a pregunta formulada pola deputada nacionalista Olaia Fernández Davila no Congreso de los Deputados sobre como se vai a resolver este problema. Santi Domínguez explicou que esta mañá xa mantivo conversas co presidente dos afectados para explicarlle a postura do seu grupo municipal, e na que lle transmitíu que o BNG pon a súa organización "a disposición dos afectados". Ademais, sinalou a contradicción que existe no feito de que haxa fincas que nestes momentos aínda non teñen rematado o proceso de expropiación e que Fomento reclame a ocupación o día 30 de xuño. "O que reclama a veciñanza é tan insignificante que non se entende como non se ten remato o proceso", subliñou.

Santi Domínguez, por outra banda, destacou que o BNG "sempre vai estar ao lado do alcalde", porque por ser alcalde de Vigo "merece un respecto que nestes momentos o Ministerio de Fomento non llo está tendo". "Esixiremos que Fomento respecte ao alcalde da cidade", salientou o tenente de alcalde, ao tempo que reclamou que se Fomento non respecta o anuncio efectuado polo alcalde o pasado 8 de maio "que o diga e que proporcione información real do proceso. Fomento ten que aclarar que vai facer coa entrada do AVE en Vigo", subliñou.
Descargar todas as imaxes