Escoitar

O grupo Pereza actuará no Auditorio de Castrelos o vindeiro día 22 de xullo

O grupo de rock Pereza actuará en Vigo o vindeiro día 22 de xullo no Auditorio de Castrelos. Ese foi o acordo ao que o concelleiro de Cultura, Xesús López, chegou está mañá coa promotora responsable do concerto, logo de ter que anunciar un aprazamento debido aos compromisos promocionais do grupo.

xoves, 3 xul 2008
1215089924pereza3.jpg
Por este motivo, tanto a Concellería de Cultura como a propia promotora decidiron mudar a Castrelos a celebración deste evento para evitar os gastos derivados do mantemento da montaxe prevista no Ifevi, que se mantiña logo dos concertos de Bob Dylan e Estopa. Así, aproveitarase a infraestrutura preparada para o concerto de Roger Hodson no mesmo Auditorio de Castrelos, que está prevista para o día seguinte á actuación de Pereza. O novo prezo das entradas, que poderán mercarse a partir de mañá en Caixanova (902 504 500 e www.servinova.com) e en Gong Discos de Vigo, será de 10 euros anticipada e 12 euros en taquilla o día do concerto.

Rubén e Leiva elixiron Vigo para celebrar o único concerto que ofrecerán na provincia de Pontevedra durante as datas de verán. Os madrileños sairán ao escenario as 23 horas, pero antes os asistentes terán a oportunidade de quentar motores con Stereotipos, unha banda de pop-rock galega gañadora do certame de maquetas NXMusic´06.

Dous anos pasaron dende a última vez que Pereza pasou por Vigo. Agora chegan á cidade convertidos nun referente do pop nacional e cun disco de platino baixo o brazo froito do seu traballo "Animales". Co seu novo disco "Aproximaciones" a banda deu un importante salto cualitativo que os levou á primeira liña do panorama musical nacional. Neste traballo, o grupo volveu contar co productor Nigel Walker e entre as colaboracións destacan as do mítico guitarrista ex -Stone Mick Taylor. Para o directo a banda se reformou: a partir de agora Rubén e Leiva cantarán e tocarán as guitarras, e o resto da formación se completa con Rober (batería), Luismi (percusión), Pop (teclados) e Manuel Mejías (baixo). O de Vigo promete ser un concerto moi especial por todas as implicacións que o grupo ten coa cidade e o seu panorama musical.
Descargar todas as imaxes