Escoitar

Tráfico instaura unha lanzadeira cada 30 minutos desde o centro ata Samil

O concelleiro de Seguridade, Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, anunciou este martes a medidas "de mellora" nestas tres áreas para reforzar o servizo cara a tempada de verán que comeza. A lanzadeira, novidade neste ano, saíra desde a estación de autobúses e chegará a Samil en 28 minutos, parando só en Travesía de Vigo, Praza de España, Gran Vía e Praza de América.

mércores, 2 xul 2008
1215012899Vitrasa.JPG
Xulio Calviño aposta pola "calidade" do transporte público co obxectivo de convertelo no mellor xeito de dirixirse ás praias. O reforzo cara a tempada de verán comeza coa novidade da lanzadeira que unirá, cando a climatoloxía acompañe e nas horas punta de saída e retorno, a estación de autobuses con Samil en 28 minutos, cunha frecuencia de 30 minutos.

A lanzadeira non realizará todas as paradas, uncamente en Gregorio Espino 57, nos Choróns, á altura do Hospital Xeral en Pizarro, en Gran Vía 66 e 98 e na Praza de América. Sairá cada 30 minutos desde as 11 ata as 13 horas e desde as 15 ás 16:30 horas, e retornará de Samil desde as 18:30 ata as 21 horas. Calviño avanzou que os horarios poderían ampliarse dependendo da demanda de usuarios. Nos fins de semana e festivos, o servizo si realizará todas as paradas.

Outra medida novidosa para lograr "un servizo público de calidade", en verbas do edil, será a instauración dun carril reversible para o transporte público desde a rotonda de Samil ata, probablemente, a Avenida de Castelao. Nas horas de volta das praias, un dos dous carrís de baixada á Samil será delimitado con conos para o emprego exclusivo do transporte público en sentido saída, co que haberá tres carrís en dirección ao centro de Vigo e un único ás praias.

Ademais, no tramo inicial da Avenida de Europa está permitido aparcar no arcén da estrada, sinalizada con raia branca descontinua, en sentido ascendente. Así, queda prohibido o estacionamento na beirarrúa, garantindo a seguridade dos peóns e ampliando as prazas de aparcamento na zona.

Neste verán se reforza a sinalización horizontal e vertical, adiantou Calviño, e os controis de tráfico e policiais, tanto nas estradas como nos propios areais. O servizo da grúa aumenta de dúas unidades a cinco.
Descargar todas as imaxes