Escoitar

Vigo facilitará auga a Baiona e reclama á Xunta unha solución estable ao seu abastecemento

Abel Caballero manterá esta tarde unha reunión co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, despois de que o concello baionés solicitase novamente a Vigo subministro de auga ante os problemas que atravesa o seu sistema de abastecemento. “Imos resolver o problema da xente de Baiona, pero seguimos reclamando un novo encoro augas arriba no Oitavén”, sinalou o rexedor.

luns, 24 ago 2026

“Nós á poboación e á xente de Baiona non lle imos fallar nunca”, afirmou Caballero, confirmando que Vigo atenderá a petición, ao tempo que reclamou á Xunta de Galicia unha solución definitiva para garantir o subministro ao municipio do Val Miñor. Explicou que a solicitude chegou con certa urxencia ante o risco de dificultades para garantir o abastecemento á cidadanía.

O rexedor vigués lembrou que esta situación xa se produciu o pasado ano e reclamou á Xunta que actúe para evitar que se converta nun problema recorrente. Caballero sostivo que a Administración autonómica debe asumir a súa responsabilidade no abastecemento e lamentou non escoitar ao alcalde de Baiona reclamar publicamente unha solución á Xunta.

O alcalde relatou ademais que a auga que Vigo pode enviar a Baiona procede do sistema de Eiras, que atravesa tamén unha situación delicada. Segundo indicou, o encoro presenta actualmente un dos niveis máis baixos da súa historia, polo que insistiu na necesidade de planificar novas infraestruturas que garantan o abastecemento futuro de toda a área.

“Imos resolver o problema da xente de Baiona, pero seguimos reclamando un novo encoro augas arriba no Oitavén”, sinalou Caballero, quen pediu ao alcalde baionés que se sume a esta reivindicación. O rexedor lembrou que Vigo leva anos reclamando unha nova presa augas arriba de Eiras para aumentar a capacidade de reserva e garantir o subministro tanto á cidade como aos municipios que dependen directa ou indirectamente desta infraestrutura.

Caballero incidiu tamén en que o abastecemento a Baiona supón un custo para Vigo, xa que é necesario bombear a auga ata o municipio e ese gasto é asumido polo Concello vigués. “Isto non pode seguir así”, afirmou, reclamando unha resposta estrutural que evite ter que recorrer cada ano a solucións de emerxencia.

O alcalde reiterou que Vigo facilitará a auga solicitada por Baiona, pero insistiu en que esta resposta puntual debe ir acompañada dunha actuación definitiva da Xunta de Galicia que garanta o abastecemento a longo prazo no sur da provincia.

Descargar todas as imaxes