O Concello destina 510.000 euros a apoiar 86 festas de Vigo
As axudas municipais respaldan durante todo o ano festas patronais e tradicionais, citas gastronómicas, culturais e musicais e actividades organizadas polo tecido asociativo. O alcalde reivindicou as festas como parte da cultura da cidade e asegurou que desde o goberno municipal “estamos apoiándoas como nunca se fixo na historia”.
Abel Caballero informou de que o Concello destina 510.000 euros ao apoio de 86 festas e celebracións que se desenvolven ao longo de todo o ano nos diferentes barrios e parroquias da cidade. As achegas municipais abranguen desde as grandes festas patronais e tradicionais ata eventos gastronómicos, culturais e musicais, ademais de aniversarios e actividades promovidas polas asociacións veciñais.
A maior achega corresponde ás Festas de Bouzas, con 50.000 euros, mentres que a Romería de San Roque e as Festas de Coia reciben 38.000 euros cada unha. Outros sete eventos contan con subvencións de 18.000 euros: Santa Ana de Beade, San Campio de Valladares, Festa das Dores de Cabral, Festas de Alcabre, Romaría dos Liñares, Festas Patronais da Virxe do Carme de Coruxo e Festa da Virxe dos Aflixidos de Zamáns.
O Concello concede ademais 12.000 euros a outras 13 celebracións, entre elas as festas de Santa Mariña de Cabral, Nosa Señora das Neves de Matamá, San Brais e Santiago de Bembrive, San Cristovo e o Doce Nome de María de Candeán, San Xoán de Freixo, Santa Cristina de Lavadores, O Rosario, San Miguel Arcanxo, San Sebastián de Coruxo, San Lourenzo e San Salvador de Teis. O Festival Folclórico Internacional de Coruxo recibe, pola súa banda, 8.000 euros.
Outras doce citas contan cunha achega de 4.000 euros, entre as que figuran as Candelas e San Brais de Castrelos, a Verbena da Pomba, a Festa da Alegría, a Festa da Guía, a Romaría do Pan de Millo, as festas da Cigala, do Cabazo, do Xurelo, da Cereixa, do Marisco e do Monte, ademais da Feira de Abril en Vigo.
O programa complétase con 50 celebracións que reciben axudas inferiores a 4.000 euros, organizadas principalmente por asociacións veciñais, culturais, comisións de festas e outras entidades da cidade. Inclúense actividades vinculadas ao San Xoán, Samaín, magostos, romarías, festivais de música tradicional, encontros culturais e gastronómicos ou aniversarios de entidades.
Caballero destacou a “dedicación extraordinariamente notable” do Concello ás festas de Vigo, á que sumou a gratuidade de todos os concertos de Castrelos. “Somos a única cidade do mundo onde se poden escoitar concertos de primeiras figuras da música mundial completamente gratis, financiados na súa totalidade polo Concello”, afirmou o alcalde.