Escoitar

O alcalde aplaude a "fortaleza" da Copa Vigo de Fútbol con 25 equipos en competición

O Concello e a Real Federación Galega de Fútbol presentaron este mércores a Copa Vigo 2026 de fútbol para equipos locais de categorías autonómicas: Preferente, 1ª, 2ª e 3ª Futgal no caso masculino e 1ª, 2ª e 3ª Futgal no feminino.

mércores, 5 ago 2026

Abel Caballero celebrou a continuidade deste trofeo, “o máis antigo de España”, e felicitou aos representantes dos clubs que asistiron á posta de longo do torneo copeiro polo seu ímprobo “traballo diario; sodes o músculo civil desta cidade”, díxolles.

Con dezanove clubs masculinos, a mesma cifra do ano pasado, entrou o CD Nieto en lugar do Moledo CF, e seis no cadro feminino, pois ao Sárdoma CF relevouno o Furacán de Zamáns, o alcalde sostivo que a participación de 25 equipos dun total de vinte clubs da cidade “amosa a fortaleza deste trofeo”. Así, subliñou que a Copa Vigo, nacida en 1933, “é un torneo histórico e cun prestixio enorme”, desexou sorte a todos e “que gañe o mellor” equipo.

O trofeo, patrocinado polo Concello con 3.000 euros en premios a repartir entre os catro finalistas, terá as súas finais no Federativo de Coia tras eliminatorias a unha soa volta en campo do equipo de categoría inferior. O primeiro edil lembrou que o goberno vigués tamén paga auga e iluminación do Federativo “porque somos moi pro activos coa RFGF e o sistema gústanos”. Os cruzamentos empezarán o 22 deste mes e as finais xogaranse en setembro. A feminina, o sábado 5; a masculina, o mércores 30. O CD Teis, na categoría feminina, e o CD Valladares, cadro masculino, defenden o título de 2025.

Na presentación, co alcalde estiveron os concelleiros de Deportes, Manel Fernández, e de Medio Ambiente Nuria Rodríguez, alén do delegado federativo, Borja Arca, e representantes de clubs e do colectivo arbitral. Ao remate da presentación,  realizouse o sorteo de cadros na sala de prensa Cuco Cerecedo, seguido por numerosos representantes dos clubs inmersos na competición.

Descargar todas as imaxes