Caballero: “Os voos de Vigo teñen que pagarse a terzos”
O alcalde demanda voos con Londres e París, novas rutas nacionais con Bilbao, Valencia e Sevilla e o reforzo da conexión con Barcelona, e reclama a implicación económica da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Tamén deu conta dunha partida municipal de 90.000 euros para apoiar a celebración de grandes congresos e eventos na cidade.
Abel Caballero criticou que a Deputación continúe negándose a participar no financiamento dos voos de Peinador e considerou que a proposta da Xunta de realizar campañas de publicidade nos destinos resulta insuficiente cando non existen conexións directas. “As tres cidades compartimos que hai que contratar voos”, apuntou, lembrando que o Concello xa formulou a principios deste ano un sistema de cofinanciamento entre as tres administracións e que o Pleno instou posteriormente á Xunta e á Deputación a habilitar os recursos necesarios.
“Os voos de Vigo tenos que pagar o Concello, un terzo; a Deputación, un terzo; e a Xunta de Galicia, un terzo”, defendeu Caballero, expresando a intención de contar con “voos a Londres, voos a París, reforzar os voos a Barcelona e voos a Bilbao, Valencia e Sevilla” e insistiu na necesidade de que as tres administracións compartan o custo das conexións. Sostén o rexedor que Peinador presta servizo non só á cidadanía viguesa, senón tamén á área metropolitana, á provincia e ao conxunto do sur de Galicia, polo que considera imprescindible a corresponsabilidade institucional para mellorar a súa oferta de destinos.
O alcalde aludiu aos recursos que o Goberno autonómico destina a Santiago na contratación de voos, sinalando que “a Xunta paga 4 millóns de euros, 1 millón para o consorcio de Santiago e 3 millóns por capitalidade”. No caso da Coruña “hai unha institución privada que paga millón e medio de euros”, sobre a que Caballero afirma que “con millón e medio de euros estamos en Vigo co problema resolto” polo que para afrontalo debe achegar “un terzo a Deputación, un terzo a Xunta e un terzo o Concello de Vigo”.
Turismo de Congresos
O alcalde informou tamén de que o Concello dedica 90.000 euros a apoiar a celebración de congresos, feiras e grandes eventos vinculados ao turismo MICE (reunións, incentivos, congresos e eventos), un segmento que, segundo explicou, está a experimentar un importante crecemento na cidade.
“O nome de Vigo agora tira da organización de congresos e temos unha enorme demanda”, sinalou. Estes apoios municipais permiten ofrecer servizos e actividades complementarias ás organizacións, como recepcións institucionais en Castrelos, visitas ás illas Cíes ou atencións loxísticas durante a celebración dos encontros. O rexedor puxo en valor o impacto económico dos congresos que reúnen entre 2.000 e 3.000 participantes, aos que se suman os seus acompañantes, contribuíndo á ocupación dos hoteis e á actividade da hostalaría e do comercio. “Este turismo é de altísima calidade. Veñen, pasan aquí dous ou tres días, pero van volver”, afirmou.