Os novos campións de pickleball visitan o Concello
Os concelleiros, Manel Fernández e Elena Espinosa, recibiron no Concello a Hugo Nogueira, Ariadna Pazos e Martina González, integrantes da Escola de Pickleball do Círculo Mercantil de Vigo, tras a súa destacada participación no Campionato de España Xuvenil celebrado en Arganda del Rey. Hugo Nogueira proclamouse campión de España de dobres masculino sub-14, formando parella con Lucas Faraldo, e acadou tamén o subcampionato de dobres mixtos xunto a Ariadna Pazos. Pola súa banda, Ariadna Pazos e Martina González conseguiron o subcampionato de España de dobres feminino sub-14. O Círculo Mercantil foi a única das 132 escolas de pickleball de España que conseguiu clasificar deportistas para as finais das tres modalidades da categoría sub-14. Na recepción participaron tamén Sonia Rodríguez e Sara Docampo; o vicepresidente do Círculo Mercantil e director da escola, Fran Yáñez; e o monitor Patxy Suárez.