Vigo celebra o Día de Galicia reivindicando a súa transformación en referente para o país
O Concello conmemorou o Día de Galicia nos xardíns históricos de Castrelos, nun acto no que Abel Caballero destacou que Vigo avanza con máis forza ca nunca ao carón do resto de Galicia e coa vista posta en ser sede mundialista no ano 2030. O rexedor puxo en valor a transformación da cidade e o "orgullo de ser de Vigo, desde o liderado e desde a unidade. Camiñando unidos, toda a cidade unida, tendendo a man amiga a toda Galicia". Por outra banda, o pregoeiro, David Regades, reivindicou o papel de Vigo como motor de Galicia e defendeu o modelo da cidade "de excelencia e non low-cost". O delegado do Estado da Zona Franca tamén defendeu a acción das persoas traballadoras e sinalou que o emprego que xera valor engadido merece bos salarios e boas condicións laborais.