O Concello avanza nas humanizacións de Coia co inicio das melloras na rúa Tomiño
Abel Caballero asistiu esta mañá ao acto de colocación da primeira pedra das obras de humanización da rúa Tomiño, que teñen un orzamento de preto de 600.000 euros. Destacou que o Goberno Local investirá en melloras en Coia 7,6 millóns de euros.
O alcalde explicou que as obras de humanización da rúa Tomiño, que contan cun prazo de execución de catro meses, servirán para reordenar os espazos e mellorar a accesibilidade para os peóns, ademais de para renovar todas as redes de servizos de abastecemento, saneamento, iluminación, telecomunicacións, enerxía e subministración de gas. O proxecto tamén contempla a instalación de novo mobiliario urbano.
“Esta vai ser unha gran obra”, asegurou o alcalde ao lembrar que hai 10 días comezaron as obras de humanización da rúa Mondariz, cun investimento de 780.000 euros. A éstas sumaranse a humanización da rúa Soutomaior por 340.000 euros e os proxectos de substitución das conducións de abastecemento das rúas A Guarda, Pontecesures, O Porriño e Cuntis, por 1,5 millóns de euros.
O rexedor recalcou que o Goberno contempla proxectos en Coia por 7,6 millóns de euros, incluída a intervención urbana e artística no barrio do Rocío por 4,5 millóns de euros e puxo en valor os investimentos realizados polo seu executivo nesta zona fronte anteriores gobernos. “Somos capaces de facer en menos dunha semana o que gobernos de Vigo tardaron máis de catro anos. Seguimos velando por todas as humanizacións de Coia”, á vez que o Concello segue xerando emprego.