Escoitar

O Goberno municipal investirá 317.000 euros na renovación do céspede do campo de fútbol de Monte da Mina

Caballero destaca a modernización das instalacións deportivas de Castrelos e lembra que o campo tamén contará cun novo edificio de vestiarios dentro do plan municipal de 8,5 millóns de euros.

xoves, 16 xul 2026

Abel Caballero deu conta de que a Xunta de Goberno aprobará este venres a adxudicación das obras de renovación do céspede do campo de fútbol de Monte da Mina, en Castrelos, cun investimento de 317.225 euros. A actuación permitirá substituír o actual terreo de xogo por un novo céspede artificial de última xeración, mellorando as condicións de práctica deportiva para os centos de xogadores e xogadoras que utilizan habitualmente estas instalacións.

As obras contemplan a retirada do pavimento deportivo existente para a súa correcta xestión como residuo, aproveitando parte do caucho actual, e a instalación dun novo céspede artificial sobre unha base elástica colocada sobre o firme de asfalto existente. O proxecto inclúe tamén reparacións puntuais na base do campo e a renovación das canaletas perimetrais para a recollida das augas pluviais e de rega.

Caballero lembrou que Monte da Mina será tamén un dos nove campos de fútbol municipais nos que se renovarán integralmente os vestiarios, un plan no que o Concello investirá 8,5 millóns de euros. Os proxectos das novas instalacións de Carballal e A Bouza xa están aprobados, mentres que posteriormente actuarase en Monte da Mina, San Andrés de Comesaña, A Guía, As Relfas, Candeán, Meixoeiro e Santa Mariña. 

Descargar todas as imaxes