Escoitar

O alcalde valora “a gran alianza” entre Zona Franca e Asime para a aceleradora de Seguridade e Defensa

Abel Caballero participou este martes na sinatura do convenio entre Zona Franca e Asime para poñer en marcha a primeira Aceleradora de Innovación, Desenvolvemento de Negocio e Internacionalización en materia de Seguridade e Defensa, que será única en Europa. O acto foi clausurado pola secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce.

martes, 27 xan 2026

Trala firma do acordo ante máis dun centro de persoas, o rexedor agradeceu a presenza en Vigo da secretaria de Estado de Defensa e trasladou a súa “emoción, entusiasmo e agradecemento” a tódalas persoas presentes, así como o “recoñecemento ás empresas e ás institucións – Asime, Zona Franca e Ministerio de Defensa- porque todos xuntos somos un proceso de unidade que nesta cidade se plasma de forma única”.

Abel Caballero valorou o convenio para poñer en marcha a aceleradora, que será presidida por Zona Franca con Asime na vicepresidencia, como unha “gran alianza. A aceleradora é lanzar desde Galicia a nosa capacidade tecnolóxica para implantar avances en seguridade e defensa, que se plasman tamén na economía” tendo en conta que "a seguridade afecta de forma transversal a toda a sociedade" e, engadiu, “sinto un enorme orgullo do esforzo de levar isto adiante coas mellores tecnoloxías”.

Como destacaron o delegado do Estado no Consorcio, David Regades, e o presidente de ASIME, Xusto Sierra, trátase dun proxecto que quere converterse nun referente en promoción da innovación aberta e disruptiva no sector para poder aproveitar, nun contexto xeopolítico como o actual, o potente ecosistema industrial galego e a necesidade de novos proxectos estratéxicos europeos da man de empresas e entidades tractoras.

A sinatura do convenio marca o inicio da primeira aceleradora empresarial especializada en seguridade e defensa, concibida para acompañar a empresas industriais e tecnolóxicas no seu crecemento, posicionamento e acceso a oportunidades nun ámbito de alto valor engadido e crecente proxección nacional e internacional. O obxectivo é impulsar o posicionamento estratéxico da industria galega de seguridade e defensa, ofrecendo unha ferramenta complementaria de apoio ao tecido industrial, acompañando a empresas e proxectos en aspectos clave como o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, o financiamento, a preparación para a participación en cadeas de valor estratéxicas e a conexión con grandes programas tractores, con especial atención ás tecnoloxías de uso dual.

O encontro foi clausurado por Amparo Valcarce, secretaria de Estado de Defensa: “Esta é unha industria innovadora, aberta e conectada ao territorio, con vocación internacional e capaz de afrontar os retos que enfronta o noso país, a Unión Europea e a OTAN”. Valcarce insistiu en que “esta aceleradora non só acompaña proxectos, constrúe cadea de valor con visión industrial. O liderado de Zona Franca Vigo e o papel de Asime como coordinador do sector, conforman un trinomio sólido, que reforza en enfoque compartido polo Ministerio de Defensa, con políticas que teñan forte arraigamento no territorio, logrando maior cohesión social”.

David Regades, delegado Especial do Estado no CZFV sinalou que “esta aceleradora vai ofrecer aos emprendedores e emprendedoras unha contorna especializada conectada á innovación, a industria e o talento. Desde Zona Franca estamos máis que preparados para asumir este reto, coa nosa experiencia en múltiples aceleradoras, coas que creamos máis de 520 empresas. Levamos anos apoiando novas ideas e empresas.

Pola súa banda, Xusto Sierra, presidente de ASIME destacou que é o momento de dar un salto tecnolóxico baseado no noso sector industrial, coordinado desde o ámbito da colaboración público-privada. “En Galicia, temos un ecosistema capaz de atender a practicamente toda a cadea de valor de seguridade e defensa”. Actualmente, unhas 30 empresas galegas xa operan nesta área, que xera 3.500 empregos, pero Asime busca involucrar a 150 empresas nos próximos 10 anos, o que podería xerar ata 5.000 novos empregos en Galicia.

Carmela Silva, 1ª tenente de alcalde e senadora sinalou que este proxecto “simboliza un cambio profundo de paradigma na forma de entender o desenvolvemento económico, a política industrial e o futuro do noso país. Vivimos nun momento global complexo, que esixe respostas serias, estratéxicas e con visión a longo prazo, como a desta aceleradora coa que Vigo e Galicia mostran o seu papel protagonista nos proxectos de futuro do país”.

Emprego

O rexedor apuntou que este acordo servirá para potenciar as “políticas industriais de seguridade; unha parte da xeración de emprego en Vigo”, engadindo que o Concello seguirá impulsando a suba do emprego e que o paro continúe baixando na cidade.

Neste martes, referiuse tamén Caballero aos datos da Enquisa de Poboación Activa do INE da que se tiran resultados “moi bos en toda España porque a taxa de desemprego baixa do 10%. “Son moi bos en Vigo cunha marcha económica excepcional”, puntualizou.

Descargar todas as imaxes