Escoitar

Os maiores de Vigo melloran as súas competencias dixitais cos teléfonos móbiles

O alcalde participou na entrega de diplomas dos cursos de capacitación dixital e uso do teléfono móbil para persoas maiores de 65 anos. “Seguiremos facendo estes cursos”, avanzou.

martes, 13 xan 2026

Abel Caballero achegouse ao acto de entrega dos diplomas de capacitación dixital a 40 persoas maiores de 65 anos que completaron con éxito un curso de 70 horas centrado no uso do teléfono móbil.

Segundo explicou o rexedor, o obxectivo do programa é dotar ás persoas maiores das ferramentas necesarias para interactuar con autonomía no ámbito dixital, facilitando a súa comunicación con familiares e amizades, así como a realización de xestións administrativas, trámites telemáticos e tratamentos dixitais básicos.

Dos 40 participantes, 36 foron mulleres e 4 homes, un dato que, segundo Caballero, evidencia a existencia dunha importante fenda dixital nas mulleres maiores de 65 anos. “É unha fenda que temos que reducir”, subliñou.

O alcalde destacou a excelente acollida da iniciativa, sinalando que as persoas participantes “están moi contentas” e mesmo demandaron a posta en marcha de novos cursos. Neste sentido, avanzou que o Concello seguirá ofrecendo formación en capacitación e dixitalización de balde e para todas as persoas interesadas.

Descargar todas as imaxes