Escoitar

As axudas de emerxencia do Concello apoiaron a 8.870 personas en 2025 cunha dedicación de máis dun millón de euros

As axudas de emerxencia aprobadas en 2025 alcanzaron a 8.870 beneficiarios, segundo avanzou este venres o alcalde ao explicar que o Concello destinou 1.079.812 euros a atender as demandas da cidadanía con escasos recursos.

venres, 2 xan 2026

Abel Caballero explicou este venres que das 3.548 axudas entregadas o ano pasado, os gastos de alimentación, con 451.764 euros en 1.363 axudas, e os destinados a alugueiro e a créditos hipotecarios, con 393.337 euros en 992 apoios, concentraron as maiores partidas das axudas de emerxencia aprobadas en 2025.

Do total das axudas, 112 foron para o bonotaxi, con 33.425 euros. A estas hai que sumar as 154 de aloxamentos por 60.563 euros; así como 34 de gastos de farmacia por 2.719 euros; 371 do recibo da luz por 19.441 euros; 309 do recibo da auga por 17.921; 34 para afrontar o gasto do gas por 3.167 euros e 59 para próteses, órteses e ópticas por 26.270 euros. Tamén foron entregadas 12 axudas para atención sanitaria por 6.036 euros; 1 para alimentos específicos para menores por 115 euros; 11 para gastos persoais por 2.431 euros; 39 para mobiliario de primeira necesidade por 17.921 euros e 9 para eliminar barreiras arquitectónicas por 26.018 euros.

O rexedor lembrou que desde 2019, primeiro ano das axudas de emerxencia, o Concello duplicou o orzamento para proporcionar apoio ás persoas con necesidades “perentorias” xa que se trata dun "complemento imprescindible para numerosas familias”, e que se suman a unha política social que tamén conta con programas para maiores e menores.

Deportes

A Xunta de Goberno aprobou este venres os proxectos básicos e de execución para a instalación dun pavimento area-elástico para os pavillóns deportivos de Bembrive, por valor de 150.000 euros, e de Lavadores,  por un importe 120.000 euros. "Os pavillóns teñen neste momento un firme excesivamente duro e imos cambialo polo novo sistema que conta cun perfil de parqué similar ao que existe no polideportivo das Travesas", indicou o alcalde ao destacar a mellora "substancial" dos dous pavillóns. O prazo de execución das obras é de tres meses e os traballos acometeranse no verán pola ausencia de actividade deportiva.

Caballero detallou que as obras programadas polo Concello permitirán "unha mellor actividade deportiva e algo da maior relevancia, absorver os impactos porque se trata dun parqué flexible que non somete aos xeonllos e nocellos aos impactos de cando se corre nunha superficie dura". O rexedor recalcou que o goberno municipal "segue mellorando as instalacións deportivas de Vigo".

Descargar todas as imaxes