Escoitar

Vigo volverá contar cunha dobre Cabalgata de Reis

Caballero explicou que a cidade repetirá o sistema de “dúas cabalgatas”; a matinal será estática, na Avenida Castelao, e pola tarde en movemento, partindo dende alí ata a Praza do Bicentenario. As carrozas evocarán a “maxia e fantasía”.

venres, 2 xan 2026

O alcalde visitou esta mañá a montaxe das carrozas que trasladarán pola cidade ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, o vindeiro luns 5 de xaneiro. Vigo volverá contar con dúas modalidades de cabalgata: a estática pola mañá, na Avenida de Castelao, e a tradicional pola tarde.

Tal e como explicou Abel Caballero, a cabalgata este ano representará “maxia e fantasía”. A versión estática desenvolverase dende as 11 da mañá do vindeiro luns e ata as 14 horas. Posteriormente, a tradicional, comezará o seu percorrido ás 18:00 horas da tarde desde a Avenida de Castelao, percorrendo Praza América, pasando pola rúa Álvaro Cunqueiro e tomando a rúa Camelias para finalizar na Praza do Bicentenario.

A previsión municipal é que participen 11 carrozas: 6 son municipais (Policía Local, Bombeiros, Carteiro Real, Melchor, Gaspar e Baltasar) e 5 son carrozas de empresas colaboradoras. A isto súmanse diferentes animacións. Sobre as 20:00 horas as Súas Maxestades serán recibidas na Porta do Sol onde “se dirixirán ás nenas e nenos alí congregados para dicirlles que lles van traer moitísimos agasallos porque foron moi boas e bos”, unha vez que teñan ao seu dispor as chaves da cidade que lles entregará o alcalde.

Descargar todas as imaxes