Escoitar

O Concello esixe á Xunta a renovación integral da cuberta do CEP Celso Emilio Ferreiro

O alcalde insta ao goberno autonómico a acometer a substitución completa da cuberta, dado que o seu estado actual require unha intervención que excede a competencia de mantemento.

venres, 25 abr 2025

Tal e como explicou Abel Caballero, o goberno municipal vén de realizar un informe do estado da cuberta do CEP Celso Emilio Ferreiro, situado en Coia, cuxos resultados trasladou á Xefatura Territorial de Educación o pasado 8 de abril. O documento recolle que a intervención necesaria non pode considerarse unha actuación de mantemento senón que require unha obra de substitución integral da cuberta, que debe ser abordada como un proxecto específico de rehabilitación, que “é competencia exclusiva da Xunta de Galicia e unha desatención gravísima dun tema tan notable no centro”, engade o rexedor.

Segundo o informe municipal, o estado da cuberta compromete a funcionalidade e seguridade do edificio e as intervencións de mantemento preventivo ou correctivo non resultan eficaces para solucionar os problemas detectados, tendo en conta que o centro foi construído en 1982, e que a dirección do mesmo leva varios anos manifestado o seu mal estado. De feito, o Concello, no ano 2021, realizou unha inspección da cuberta comprobando que había vexetación na totalidade da superficie e, polo tanto, nestes momentos “instamos a que actúen de forma inmediata para renovar toda a cuberta”.

Descargar todas as imaxes