Candeán, Cabral e Navia, próximos escenarios das xornadas de baile do Concello
O alcalde deu conta este martes do desenvolvemento do programa “Bailes en Vigo” que continúa en diferentes espazos veciñais e sociais da cidade.
O goberno municipal desenvolve desde hai unhas semanas o programa “Bailes en Vigo”, unha iniciativa coa que quere incrementar a oferta de lecer na fin de semana e favorecer a vida saudable “da xente de máis idade”.
Abel Caballero avanzou os próximos bailes: este sábado, 23 de novembro, ás 19,00 horas na sede da Unión Cultural Recreativa e Veciñal de Candeán; o vindeiro sábado 30 de novembro, ás 19,00 horas, no Centro Cultural de Becerreira en Cabral e o venres 6 de decembro, ás 19,00 horas, celébrase na Asociación de Veciños Emilio Crespo de Navia.
“O noso obxectivo é ter polo menos un baile cada fin de semana, completamente gratuíto para o disfrute e a vida saudable de tanta xente da cidade”, apuntou o rexedor, lembrando que xa se celebraron en San Miguel de Oia, Beade e Sárdoma e quedan pendentes os bailes de Bembrive e Coia.