Escoitar

Vigo acolle en xuño o primeiro congreso celebrado en Galicia sobre limnoloxía

Vigo convértese, do 23 ao 28 de xuño, na capital ibérica do coñecemento sobre a limnoloxía -ciencia que se encarga do estudo ecolóxico dos ambientes acuáticos continentais – coa participación de 350 expertos na XXII edición do congreso: “Ecosistemas acuáticos baixo ameaza: mellorar o noso coñecemento para mitigar os efectos do cambio global, promover a xestión adaptativa e involucrar aos cidadáns”.

mércores, 17 abr 2024

As concelleiras Yolanda Aguiar e María del Carmen Lago presentaron hoxe, coa presidenta e a secretaria do comité organizador do XXII Congreso da Asociación Ibérica de Limnología, Josefina Garrido e Romina Álvarez Troncoso, a cita científica que se desenvolverá en Vigo do 23 ao 28 de xuño coa intervención de expertos tanto de longa traxectoria investigadora como de mozos investigadores de España e Portugal, así como de Alemaña, Austria, Italia, Suecia, Suíza, México, Colombia e Brasil, entre outros. “É un evento moi importante para o calendario do Concello”, afirmou a edil Yolanda Aguiar.

A relevancia da cita científica internacional foi destacada hoxe pola edil de Política Social e Turismo, tanto porque a convocatoria reforza a estratexia de potenciar o turismo de congresos, como porque dentro dos intereses da proclamación de Illas Cíes como Xeoparque da Unesco “a reunión científica centrarase en divulgar o coñecemento dos ecosistemas acuáticos continentais para afondar nun coñecemento que supoñerá preservar mellor e a valorar máis o inxente patrimonio natural que temos”.

Vigo, como primeira cidade galega en ser sede desta reunión científica internacional, despregará un amplo temario, como o estudo dos microplásticos e de estudos sobre ADN, acollerá a entrega do premio á traxectoria investigadora que se concederá á doutora María Rosario Vidal-Abarca, experta da Universidade de Murcia.

O Concello de Vigo, ademais de contribuír á organización do congreso, facilitarán ás participantes viaxes pola ría de Vigo e ás Illas Cíes, segundo recalcou Yolanda Aguiar tras asegurar “coñecerán a cidade en profundidade”.

As persoas interesadas no congreso poden informarse na dirección web: www.ail2024.com

Descargar todas as imaxes