Escoitar

Aprobada a modificación do convenio da Panificadora

xoves, 31 mai 2001
imx291.jpg
Aprobouse a modificación do convenio sobre a Panificadora para a súa inclusión na revisión do Peri do Casco Vello co voto favorable do BNG, as abstencións do PSOE e PP e en contra de Provi. A modificación deste convenio elaborouse seguindo criterios de conservación dos silos e da súa cesión ó Concello.

Con respecto ó convenio orixinal, buscouse unha determinación de usos máis flexible que establece un destino para aproveitamento comercial entre o 10 e o 50% e residencial entre o 40 e o 90%. O tratamento asoportalado dos edificios que se construirán nas rúas Cachamuíña e Falperra e a creación, no interior, de galerías comerciais con entrada desde Falperra, Cachamuíña, Santiago e Camelias son outras das características do proxecto. A propiedade terá que ceder os silos e, como compensación, obterá a cesión do uso na parte superior, que se destinará á hostalería.



Creación dunha oficina municipal xestora para a execución de estradas en Vigo

O Consello da Xerencia de Urbanismo acordou, por unanimidade, adxudicarlle á empresa Técnicas Territoriales y Urbanas o concurso para a creación dunha oficina municipal xestora para a execución de diversas estradas en Vigo.

A finalidade desta oficina técnica é encauzar, asesorar e xestionar o proceso de liberación dos solos necesarios para a realización das actuacións previstas no convenio suscrito entre o Concello e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Terá un presuposto de 70.950.000 de pesetas durante dous anos.

O convenio permitirá mellorar as condicións de circulación e as dotacións de infraestructuras viarias de cara ó desenvolvemento económico e á mellora da calidade de vida da cidade. As actuacións previstas son a conexión Cotogrande-Rande-Puxeiros-Aeroporto, o vial estrada de Madrid-Ramón Nieto, o acondicionamento da avenida de Madrid e a subida á Guía-Doutor Corbal, entre outras.

Descargar todas as imaxes