Escoitar

O Verbum amosará 6 propostas de 18 creadores emerxentes coa palabra como eixo común

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou que o Verbum amosará dende o 29 de outubro, o proxecto "6x6 Punto de encontro", que consiste en 6 traballos artísticos de 18 creadores e creadoras emerxentes que teñen a palabra como eixo común. O espectáculo do xoves, "A palabra falada", correrá a cargo das artistas Anable Gago, Rocío González e Borja Fernández, e terá como punto de encontro o garaxe do museo ás 20.30 horas.

mércores, 28 out 2009
1256740166seisverbum.jpg
O edil nacionalista salientou que con esta proposta se cumpren dous obxectivos: por unha banda, achegar novos públicos ás distintas artes escénicas e por aoutra, achegar novas propostas á Casa das Palabras. Neste sentido, destacou que este museo "xa é un punto de referenza da actividade cultural da cidade".

En representación da entidade organizadora A Artística, Alfredo Rodríguez explicou que os traballos se amosarán todos os xoves ata o vindeiro 3 de decembro en distintos espazos do museo. "Os espazos non son os habituais, como o garaxe, o ascensor ou a terraza", sinalou. Explicou que ademais de crear sinerxias en torno á palabra, outro dos obxectivos do proxecto é "ofertar aos creadores e creadoras as mínimas ferramentas para a súa inserción no mercado laboral".

O director do museo, Rosendo Covelo, afirmou que nesta nova etapa do Verbum "é fundamental contar cos novos creadores", así como poñer en valor o patrimonio inmaterial galego e dirixirse a un sector de público integrado por xente nova con inquedanzas culturais e musicais. Salientou que "6x6 Punto de encontro" ofrecerá unha "viaxe pola reinterpretación que cada artista fai do museo".

A segunda intervención artística será o 5 de novembro, "A palabra movemento", dos artistas Madamme Celle e Lauren Atanes. A seguinte será "A palabra sonora", o 12 de novembro, que mostrará o traballo de Clara Gayo, Jesús González e Uxía Pereiro. A cuarta, o 19 de novembro, terá como eixo "A palabra sonora", de Toni salgado, Fran Peleteiro e Xoel Díez. O 26 de novembro será a seguinte co centro en "A palabra escrita", a cargo de Santi Cortegoso, Carmela Bueno e Xesús Valle; e o 3 de decembro, Mónica de Nut, Gena Baamonde e Lops finalizarán o programa co traballo "A palabra signo". Todas as actuacións comezarán ás 20.30 horas e serán de entrada gratuita.
Descargar todas as imaxes