Escoitar

O goberno Central xa traballa na licitación do estudo técnico que solucionará o abastecemento de Vigo

Abel Caballero deu conta do avance dos pregos da licitación do estudo que buscará a mellor alternativa para solucionar o problema do abastecemento en Vigo. En rolda de prensa, tamén anunciou a súa presenza na conferencia que pronunciará mañá mércores o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, responsable do departamento que licitará o devandito proxecto.

martes, 22 xan 2019
O Ministerio de Medio Ambiente xa está a realizar as valoracións técnicas dos pregos da licitación do estudio que buscará a mellor alternativa para solucionar definitivamente o problema do abastecemento de Vigo. Así o avanzou esta mañá o rexedor ao tempo que anunciaba a súa presencia no almorzo informativo que ofrecerá en Madrid mañá mércores o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

Tal e como lembrou Caballero, será o Ministerio de Transición Ecolóxica, dirixido por Teresa Ribera, o que realice este proxecto dado que o fará con remanentes e non precisa de partida orzamentaria. O alcalde valorou "o desbloqueo" da solución do que é "seguramente" o principal problema de Vigo, o abastecemento. A partir deste estudo, determinaranse as diferentes alternativas ata saber cal é tecnicamente máis viable.