Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
martes, 30 de decembro de 2014

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde destaca as políticas sociais e de emprego como eixos do goberno no 2014

Abel Caballero fixo este martes un balance do ano que conclúe, no que destacou a política municipal na creación de emprego (cifrada en 3.500 entre directos e indirectos) e as políticas sociais (cun incremento orzamentario próximo ao 25% e 12 millóns de euros de gasto). O rexedor sumou á valoración a conxelación e baixada para o ano que ven das taxas e impostos municipais, sendo Vigo a cidade con menor presión fiscal das galegas e tendo a menor débeda das urbes de España.




O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou este martes as accións do goberno que preside en política social, emprego, humanizacións ou educación, como principais logros do ano 2014.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico destacou que, malia que a cidade segue inmersa nunha crise "severa e profunda", empeza a encontrar a súa saída grazas a sectores como a automoción, o naval, a pesca e, pronto, o comercio e a hostalaría.

No que respecta ao balance de 2014, Caballero fixo fincapé nas partidas destinadas a Benestar Social (axudas de emerxencia, cheques sociais, bolsas de comedor, teleasistencia ou o centro de inclusión social) que, segundo recordou, pasaron de 2 a case 12 millóns nos últimos anos. O incremento orzamentario no último ano aproximouse ao 25%, citando as 5.000 bolsas concedidas de comedor escolar e libros, sen lista de agarda por primeira vez.

Do mesmo modo, detallou que o investimento en políticas de emprego pasou de 2,5 a case seis millóns de euros, e destacou que, en 2014, as políticas municipais contribuíron á creación de 3.500 postos de traballo, sumando os 1.000 empregos directos e os 2.500 das obras e novas infraestruturas municipais.

Neste sentido, Caballero subliñou o investimento "moi por enriba dos 30 millóns de euros" en humanización de rúas, melloras en edificios públicos, instalacións deportivas, mercados, a reforma de Balaídos ou as escaleiras mecánicas da Porta do Sol, entre outras actuacións.

O aeroporto de Vigo tivo un espazo singular no balance municipal, xa que este foi o ano do "despegue" da terminal viguesa con rutas comprometidas para os próximos a Valencia, Alicante, Málaga, Sevilla, Bilbao, Palma de Mallorca, Ibiza, Menorca, Tenerife, Gran Canaria, Londres, Bruxelas, Roma, París, Madrid e Barcelona. Caballero recordou ademais as campañas turísticas realizadas, como VigoEscapadas, Vigo ten mil caras, VigoIncoming ou Vive Vigo, entre outras.

O primeiro edil explicou que o goberno local retomou as bolsas de estudos no estranxeiro, co que 300 estudantes aprenderon inglés fóra das nosas fronteiras cunha axuda do Concello. En materia educativa apuntou Caballero as dúas novas escolas infantís municipais impulsadas este ano.

No eido do urbanismo vigués, Caballero enumerou a aprobación dos plans do Barrio do Cura, eixo Avda Castelao-Avda Europa, Monte da Mina, colonia histórica do Couto, Gorgoso e Senra. Tamén subliñou as 2.500 comunicacións previas tramitadas, os 2.000 informes da Inspección Técnica de Vehículos e a xestión do Patrimonio municipal de Solo, entre o que se atopa a venda de pisos en República Arxentina e o comezo da tramitación da expropiación dos terreos para a futura Cidade da Xustiza viguesa.

O alcalde enumerou o avance no patrimonio histórico co novo centro de interpretación da vila de Toralla, a recuperación da muralla do Castro e do edificio do Patín, en Bouzas, entre outras accións. Caballero tamén citou os 1,5 millóns para apoiar ao tecido deportivo vigués, a reforma das pistas deportivas (singularmente as de fútbol), o impulso aos mercados do Berbés e do Progreso, a cuarta escoba de platino á limpeza viguesa, os novos semáforos e as distintas medidas para mellorar a circulación das motos, entre outras.

No tocante á cultura, singularizou a consolidación da programación no Auditorio Municipal, a potenciación en exclusiva á sinfónica Vigo 430, o sustento da rede museística e o respaldo a festivais como o SinSal, o Imaxina Sons ou o Teatro Ensalle, entre outros.

Abel Caballero concluiu o balance municipal recordando que Vigo é a cidade galega con menor presión fiscal e a urbe española con menos débeda, xunto a Bilbao, e camiño da débeda cero no próximo ano. A débeda do Concello é do 12% e no próximo mes de abril baixará ao 7%, segundo avanzou. O rexedor enumerou a conxelación das tarifas do autobús e da auga, por segundo ano consecutivo, ademais da rebaixa xa aprobada do 1,4% nos principais impostos para o 2015 e a conxelación do resto de cargas.
Mais noticias
Vigo conta hoxe co maior número de olivos da súa historia


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003