Escoitar

O alcalde anuncia que en tres semanas inícianse humanizacións por valor de 15 millóns

Abel Caballero informou hoxe venres dos nomeamentos da dirección facultativa das obras de humanización de Ramón Nieto, Doctor Marañón, Brasil, Martínez Garrido, Nicaragua, Aragón, Menéndez Pelayo e Pintor Colmeiro, reformas que crearán "centos de empregos" e darán comezo en tres semanas. O goberno local tamén deu luz verde ao nomeamento da dirección facultativa da segunda fase da futura escola infantil de Mestres Goldar.

venres, 27 xan 2012
1327667033alcalde4.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres o inicio dos traballos de humanización de oito rúas da cidade cun investimento superior aos 15 millóns de euros, obras que darán comezo "en tres semanas".

Segundo aseverou Caballero, a Xunta de Goberno Local validou esta mañá os nomeamentos das direccións facultativas das reformas de Ramón Nieto, Doctor Marañón, Brasil, Martínez Garrido, Nicaragua, Aragón, Menéndez Pelayo e Pintor Colmeiro, paso administrativo previo á elaboración dos plans de seguridade e saúde e inicio dos traballos.

"En tres semanas empezaremos todas estas novas humanizacións na cidade", afirmou o alcalde vigués, o que conleva que "continuaremos co proceso de creación de emprego e cambio da cidade". Os 15 millóns de euros de investimento municipal nestas melloras suporán a creación de "centos de empregos" nun sector "con enorme paro" como é o da construción.

A mesma sesión da Xunta de Goberno Local tamén autorizou o nomeamento da dirección facultativa da segunda fase da obra de construción da futura escola infantil de Mestres Goldar, na que o Concello investirá 350.000 euros.
Descargar todas as imaxes