Escoitar

O Concello estuda reclamar xudicialmente á Deputación os 621.000 euros que debe a organismos vigueses

O alcalde, Abel Caballero, adiantou este venres que os servizos xurídicos municipais estudan fórmulas para reclamar por vía xudicial á Deputación de Pontevedra os 450.000 euros da débeda contraída co Museo MARCO de Vigo, os 90.000 euros coa Fundación ProVigo e os 81.000 euros coa Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI). O rexedor recordou que é unha "obrigación" do ente provincial coas devanditas institucións.

venres, 11 nov 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres que o departamento xurídico municipal estuda posibles fórmulas para reclamar por vía xudicial que a Deputación de Pontevedra salde a súa débeda de 621.000 euros contraída con distintos organismos da cidade.

Segundo detallou, atópase dentro da "obrigación" do organismo provincial de dar cumprimento aos compromisos adquiridos con estes, e recordou que a Deputación de Pontevedra adebeda 450.000 euros ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) correspondente ás tres últimas cotas anuais; outros 90.000 euros á Fundación ProVigo e outros 81.000 euros á Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI).

"A Deputación é a gran morosa da cidade de Vigo e xa está ben", zanxou o alcalde, quen reiterou que a primeira urbe galega achega o 35% dos ingresos do ente presidido por Rafael Louzán, polo que adiantou que continuará a reclamar investimentos en Vigo.