Escoitar

O Pleno dá un prazo de 15 días á concesionaria para que principie as obras de urbanización da praza de Independencia

venres, 7 set 2001
imx527.jpg
Praza da Independencia
O Pleno do Concello de Vigo aprobou hoxe unha proposta do alcalde na que se lle dá un prazo de 15 días á empresa Eloymar-Tranvías Eléctricos de Vigo para que principie as obras de acondicionamento da praza da Independencia. Na resolución indícase ademais que a concesionaria do aparcamento da praza deberá rematar os traballos de urbanización no prazo máximo de tres meses. O Pleno facultou ao alcalde para que, de non comezar as obras no tempo indicado, poida contratalas de forma subsidiaria.

A adxudicataria do aparcamento deberá executar o proxecto de ordenación da praza a das rúas adxacentes aprobado polo Concello e que ten un custo de 172.552.600 pesetas. No acordo aprobado pola Corporación municipal cos votos do BNG, o PsdeG e o PP especifícase que “ao supoñer estas obras un custo superior ao inicialmente previsto no anteproxecto que serviu de base á concesión, de conformidade co previsto no art. 164.2 da LCAP, o Concello compensará na forma legalmente establecida á UTE concesionaria, de xeito que se manteña o equilibrio dos supostos económicos que foron considerados como básico na adxudicación do contrato”.

En previsión de que a empresa concesionaria do aparcamento desobedecese a orde dada polo Pleno do Concello, a Corporación xa aprobou un expediente de modificación de créditos que permitiría dispoñer de inmediato da consignación presupostaria necesaria para realizar as obras. De darse este suposto, o Concello reclamaría o custo á empresa e adoptaría medidas legais contra Eloymar-Tranvías.
Descargar todas as imaxes