Escoitar

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para subvencionar programas de cooperación internacional

mércores, 5 set 2001
O Concello de Vigo aprobou unha convocatoria para subvencionar proxectos de cooperación internacional desenvolvidos por Organizacións non Gobernamentais ou Asociacións de Solidariedade por un importe total de 12 millóns de pesetas.

As entidades que opten a recibir estas subvencións terán que acreditar a súa solvencia no eido da cooperación internacional e incluir na documentación que presenten datos sobre o proxecto para o que reclaman a axuda.

Os proxectos que vaian realizar as asociacións deberán ter como ámbito de actuación países non desenvolvidos. A atención prioritaria centrarase en países de Latinoamérica, Asia e África, sen que isto impida o finanzamento de actuacións noutras áreas do mundo que se atopen nunha situación de marxinación ou deterioro social e humano.

Os obxectivos deberán centrarse en áreas de saúde, educación, desenvolvemento, atención social, cultura, conservación do medio ambiente, planificación urbanística, consolidación democrática, pacificación ou educación en dereitos humanos, entre outros.

Os proxectos terán que respectar a idiosincrasia cultural e o contorno natural do lugar beneficiario e deberán promover a autoxestión e capacidade de desenvolvemento autónomo da comunidade, evitando a dependencia respecto dos países doantes.

É obrigatorio que os proxectos se elaboren en colaboración cos colectivos da poboación afectada, implicándoos nesta participación e na execución.

O prazo para a entrega das solicitudes conclúe o 30 de setembro. As bases da convocatoria poden obterse nas oficinas do Concello.