Escoitar

O Concello procederá a rescatar a concesión dun varadoiro en Teis

luns, 30 xul 2001
A Corporación instará á Autoridade Portuaria a que inicie os trámites necesarios para o rescate da concesión dun varadoiro situado no camiño de Ríos, en Teis, e pasará a ser patrimonio municipal para ser destinado a uso e aproveitamento dos cidadáns.

A Asociación de Veciños de Teis solicitou, o 8 de abril de 1999, o rescate da concesión dun varadoiro situado no camiño de Ríos nº 70, en Teis, por non ser empregada esa concesión nos fins para os que foi solicitada.

A Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante establece que no caso de que unha concesión non sexa utilizada no prazo de tempo previsto, se rescaten os dereitos da mesma.

Por outra banda, o Plan Especial do Porto de Vigo aprobado no Pleno do 16-04-98, e modificado por outro acordo plenario do 21-12-2000 establece que no prazo dun ano a partir da aprobación definitiva do Plan Especial de Ordenación do Porto, a Autoridade Portuaria elaborará un estudio pormenorizado sobre o estado e idoneidade de usos, e utilización das concesións, así como un estudio dos soares desocupados e idoneidade no ámbito portuario, co fin de optimizar a utilización de usos e espacios no Porto.

A devandita Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante preveu a reversión ó patrimonio do Estado e, nalgúns casos coma este, ó patrimonio municipal, tanto se son soares como se son edificacións destas características.



Plan nacional de emprego xuvenil nos sectores nos que realizaban a prestación social os obxectores de conciencia

O Pleno do Concello de Vigo insta ó Goberno central a atender a demanda de organizacións políticas, sindicais e sociais de impulsar un plan nacional de emprego xuvenil nos sectores nos que actúan os mozos que realizan a prestación social substitutoria, xunto co resto de administracións autonómicas e locais, que xere como mínimo 60.000 postos de traballo destinados a substituír os servicios que na actualidade levan a cabo os obxectores de conciencia que fan a prestación en actividades de servicios á comunidade de carácter social, concertados con organizacións e entidades públicas e privadas.


Solicitude de concesión de axudas polo total dos danos causados polos temporais

O Pleno aprobou, por unanimidade, esixir a concesión de axudas polo total dos danos producidos por mor dos temporais sufridos nos bens municipais e dirixir este acordo á Presidencia da Xunta de Galicia e ó Ministerio de Fomento.

Está previsto percibir para financiar estes danos unha cantidade encol do 20% sempre e cando se invista ata o 80% restante que, no caso do Concello de Vigo, sería de 89.605.533 pesetas: cantidade insuficiente para afrontar a reparación dos bens municipais afectados.

O Concello ten sufrido danos en bens e servicios municipais tales como campos, pistas e pavillóns de deportes: locais de asociacións de veciños e de propiedade municipal: colexios infantís, de primaria e edificios dependentes de Educación: rede viaria e colectores: na caseta de control do túnel de Montero Ríos, derrubo de báculos e deterioros na instalación semáforica e deterioro e derrubo de sinalización vertical de tráfico: na iluminación pública: danos en parques forestais e derrubo de múltiple e variado arborado: colectores do lixo e papeleiras e, tamén, no xardín histórico de Castrelos, e cun importe total de 448.027.665 pesetas.


Solución dos problemas do Museo Municipal Quiñones de León

O Pleno da Corporación adquiriu, por unanimidade, o compromiso firme de solucionar os problemas que presenta o centro museístico máis emblemático da cidade. Vicente Romo e Luis García traballan na preparación dos estatutos que conterán a creación dun ente autónomo xestor do museo.

O edificio do museo Quiñones de León está deteriorado. As humidades fixeron mella na súa estructura e o contorno do museo preséntase cada día máis deteriorado.

O centro recibe 40.000 visitantes ó ano e alberga pezas de gran valor que alcanzan os 800 millóns de pesetas, polo que non pode carecer de iniciativas para a súa promoción nesta época de maior afluencia de visitantes.


Creación dunha comisión adicada ó euro

O Pleno aprobou, por unanimidade, a creación dunha comisión técnica, coordinada por Intervención, adicada ó euro que analice e afronte as repercusións do cambio de divisa en tódalas áreas que sexa necesario. Ademais, o Concello activará os mecanismos necesarios para preparar os cidadáns ante o cambio de divisa.