Escoitar

A Corporación aproba a construcción da nova estación de ferrocarril

luns, 30 xul 2001
imx497.jpg
Sesión plenaria
O Pleno da Corporación municipal celebrado hoxe aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e RENFE, para a construcción da nova estación de ferrocarril de Vigo, reordenación da praza da Estación e ordenación do seu ámbito.

O texto do convenio establece a obriga por parte de Renfe de presentar un proxecto de construcción da nova estación no que se recolla tamén a remodelación da praza onde está situada. Entre os requisitos que se lle impoñen á compañía ferroviaria para desenvolver este proxecto está o de que integre nel o edificio da antiga estación. Tamén se lle esixe a creación dunha gran praza pública de 14.000 m2 de superficie a nivel igual ou inferior da rúa Vía Norte. Baixo ela situaríanse os locais comerciais e de lecer e un aparcamento público.

O proxecto que presente Renfe terá que facilitar a integración na zona dun intercambiador de transporte que inclúa unha estación de autobuses e as cocheiras do futuro metro lixeiro. Tamén se lle pide á compañía que teña en conta a posible conexión da estación coa autoestrada.


Parque empresarial na Garrida

O Pleno aprobou o protocolo do Concello de Vigo coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para o desenvolvemento dun parque empresarial na Garrida cunha superficie de 183.726 metros cadrados.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo adquirirá, mediante o sistema de expropiación forzosa, os terreos nos que realizará a actuación. Redactará o plan parcial e o proxecto de urbanización, de conformidade coa lexislación urbanística vixente, e presentarallos ó Concello para a súa tramitación.

O IGVS executará pola súa conta exclusiva, directamente ou a través da empresa pública Xestur, as obras de urbanización previstas.

O Concello apoiará a xestión de venda das parcelas polo IGVS e facilitará a obtención da licencia de obras polos compradores de parcelas, manterá a prohibición legal de establecer instalacións industriais en solo non cualificado urbanisticamente para este fin e esixirá o cumprimento dos prazos de edificación establecidos na licencia.

Convenio coa entidade local de Bembrive

A Corporación tamén aprobou no pleno de hoxe un convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Entidade Local Menor de Bembrive, con vixencia ata o ano 2993, para pagos das subvencións para obras e ceder á Entidade Socio Cultural Deportiva e Recreativa Helios, para os anos 2002 e 2003 por importes respectivamente de 15 e 35 millóns de pesetas.

Aprobou a modificación do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Vigo para a construcción do conservartorio de música de grao elemental e medio. O custo estimado das actuacións valórase en 489 millóns de pesetas, e a súa financiación correrá a cargo da Consellería e do Concello. A Consellería aporta 115 millóns e o Concello de Vigo 374 millóns de pesetas.

Padrón Municipal

A Corporación aprobou o resumo numérico que se corresponde coa poboación do término municipal, segundo se deduce do Padrón Municipal de Habitantes renovado a un de xaneiro do presente ano. O total da poboación de Vigo é de 292.411 persoas, das que 153.420 son mulleres e 138.991 son homes.
Descargar todas as imaxes