Escoitar

Acordos da Comisión de Goberno

luns, 30 xul 2001
A Comisión de Goberno aprobou conceder unha subvención por 443.500 pesetas á Asociación Galega de Axuda ó Sahara para desenvolver o proxecto ”Vacacións en Paz”, que coincide cos obxectivos do programa de axuda e cooperación internacional do Concello.

Esta axuda será destinada a sufragar os gastos derivados dos billetes de avión de sete nenos procedentes de Tinduf, que pasarán o verán con familias viguesas, unha póliza de seguro colectivo e a contribución ós gastos dos monitores.


Subvencións a entidades deportivas

Concedeuse unha partida de 350.000 pesetas para a realización da III Proba do Campionato Galego de Motonáutica que se desenvolverá o 5 de agosto na praia de Samil. ”O fútbol base, unha realidade multidisciplinar”, evento organizado pola Fundación Celta de Vigo, tamén conseguiu unha axuda de 1.500.000 pesetas para impartir un curso sobre o tratamento do adestramento no fútbol como principal expresión das actividades deportivas na sociedade.


Contrato de asistencia técnica da xestión do IBI e taxa de lixo industrial

A mesa de contratación propuxo adxudicar a Catoure S.L., por importe de 6.380.000, o concurso convocado para a contratación de obtención de datos correctos de 4.000 inscricións do padrón do IBI e práctica de liquidacións relativas ós exercicios non presupostarios.

Acordouse tamén adxudicarlle a Limber Multiservicios, por importe de 10 millóns de pesetas, o concurso convocado para a obtención de datos correctos de 2.000 inscricións do padrón da taxa de lixo industrial, práctica de liquidacións relativas ós exercicios non prescritos e mailas correspondentes notificacións.


Prego de condicións para a contratación da prestación do servicio da Escola Municipal de Danza

Aprobáronse as bases técnicas para contratar o servicio de xestión e ensinanzas da Escola Municipal de Danza nos aspectos de dirección artística e académica, ensino de danza, xestión administrativa e doutros que se deriven do seu desenvolvemento.


Prego de condicións para a contratación da asistencia técnica para asesoramento en materia de tráfico e transporte

Dada a falta de medios necesarios na área de Tráfico, Seguridade e Transportes que permitan realizar a totalidade dos traballos necesarios para o seguimento e control da concesión do transporte urbano colectivo, especialmente no relativo ós resultados de remodelación das liñas, contratarase por concurso unha asistencia técnica para o asesoramento en materia de tráfico e transporte do Concello de Vigo.